Convocada folga indefinida nos Servizos de Axuda no Fogar a partir do 2 de novembro
A CIG-Servizos vén de anunciar a convocatoria de folga indefinida no sector de Axuda no Fogar a partir do día 2 de novembro. Así o explicou en rolda de prensa a secretaria nacional, Transi Fernández, quen manifestou o rexeitamento da central sindical ao preacordo asinado por CCOO e UGT porque contempla subas salariais por debaixo do IPC, introduce unha dobre escala salarial que suporá unha discriminación en función do concello no que se traballe e aboca ás traballadoras á precariedade e a pobreza.
O convenio galego de Axuda no Fogar levaba sen negociarse desde o ano 2011. A patronal intentou eliminalo, e mesmo disolveu a súa asociación en 2012, para poder pasar así ao convenio estatal. Unha pretensión que foi frustrada por decisión xudicial. A partir de aí o convenio subsistiu, ano tras ano, co incremento do IPC anual. Un período no que á patronal non lle interesou asociarse de novo, até chegar ao ano pasado, cando o IPC rematou no 6,5% e terían que aplicalo desde principios deste ano.
Segundo explicou Fernández, a asociación estatal existía e a asociación galega decidiu volver a conformarse con empresas con sede en Galiza. Isto permitiu constituír a mesa de negociación, na que se puxo de manifesto que a maioría da patronal non estaba aplicando o 6,5% de incremento salarial, en función do IPC, como tiña obriga de facer. “Moitas das empresas galegas o estaban aplicando, porén as estatais só aplicaron o 3,2% ou 3,1% de incremento.
Coa mesa constituída, as patronais estatais e galegas anunciaron que non aplicarían ese incremento até que se asinara o convenio colectivo e que o farían con carácter retroactivo. Ante a falta de acordo, o CGRL convida ás partes a solicitar unha mediación presidida polo Xefe Territorial, Demetrio Fernández.
Dobre escala salarial
Na xuntanza celebrada no CGRL a patronal propuxo crear unha dobre escala salarial, con dúas táboas diferenciadas. Isto vai provocar, segundo denunciou a secretaria nacional de CIG-Servizos, que ás traballadoras dun concello, no que non se vai sacar o novo concurso até dentro de dous anos, se lles apliquen incrementos salariais do 1% en 2023 e doutro 1% en 2024, mentres que as do concello do lado, onde liciten este ano, van ter incrementos do 3,15% en 2023 e do 3,15% en 2024. “Unha terá en dous anos unha suba do 2% e a outra dun 6,30%”.
O grave, para Transi Fernández, é que ao ter unha máis salario e maior base de cotización isto vaise a alongar en toda a súa vida laboral mentres as outras nunca máis van chegar a ese incremento.
Xornada laboral
A secretaria nacional de CIG-Servizos recoñeceu que tamén hai algunha mellora, como a redución de xornada. “Pero a fan a partir de 22,5 horas en 2024 e de menos de 30 horas en 2026. É dicir, que en xaneiro de 2026 quedaría a xornada en 1695 horas”, explicou. Fronte a isto lamentou que se esqueza que as traballadoras do SAF “traballan todas a tempo parcial, mínimo 25 horas” e que isto non está reflectida a xornada laboral semanal.
Ademais denunciou que só se contempla incrementar dos actuais 0,19 a 0,22 céntimos por quilómetro os gastos de combustíbel durante todo o período de vixencia do convenio, isto é, até 2026. Unha compensación “miserenta” para traballadoras con baixos salarios que terán que poñer dos seus petos o traslado dun a outro domicilio nos seus coches particulares.
Por iso asegurou que “se nos fai moi difícil entender que CCOO e UGT asinen este preacordo de costas ás traballadoras, sen avalialo”. Un preacordo contra o que asegurou que se están pronunciando as traballadoras por entender que é absolutamente discriminatorio.
Precarización nun sector feminizado
A este respecto, Diana Rodríguez, responsábel de Comunicación da Executiva da CIG-Servizos rexeitou a minusvaloración que, nesta sociedade capitalista e patriarcal, sofren os coidados e denunciou que coa sinatura de CCOO e UGT deste convenio, se finalmente se produce, “van condenar ás traballadoras do SAF a un aínda maior empobrecemento e precariedade”.
Por iso reclamou o seu recoñecemento social e laboral e animou a todas as traballadoras a que se mobilicen, participando primeiro nas mobilizacións convocadas para este xoves, diante das empresas, para manifestar o seu rotundo rexeitamento a este convenio, e que secunden a convocatoria de folga a partir do día 2 de novembro.
Concentracións o xoves 27 de outubro
- A Coruña: ás 12:00h, diante das oficinas de Clece-Samaín (Avenida Fisterra, 265A)
- Fene: ás 15:00h, diante das oficinas de Samaín (Avda Naturais, 25).
- Lugo: ás 12:00h, diante das oficinas de Sacyr Social (rúa Tino Grandío, 5).
- Monforte: ás 14:00h, diante da sede de FEPAS (rúa Teceláns, nº 2).
- Santiago: ás 12:00h, na Praza do Obradoiro.
- Vigo: ás 12:00h, diante das oficinas de Servisar, do Grupo DomusVi (rúa Filipinas, 11).