Convocada folga indefinida en Urbaser Santiago a partir do 15 de maio

O comité denuncian os incumprimentos reiterados do convenio por parte da empresa
Compostela - 02 Mai 2023

O comité de empresa de Urbaser anunciou esta mañá, en rolda de prensa, a convocatoria de folga indefinida, a partir do 15 de maio, diante dos reiterados incumprimentos por parte da concesionaria de recollida de lixo dos acordos contemplados no convenio colectivo, mais tamén de acordos extra-convenio, que teñen a mesma validez.

Segundo explicou o presidente do comité, Ricardo Méndez, respecto dos reiterados incumprimentos, “sempre os houbo” aínda que “se foron resolvendo”. Porén afirmou que desde hai un ano, cando se renovou a contrata, a situación agravouse.

Apuntou, entre outros, a supresión da bolsa de traballo, que consistía en que o persoal, cando accedía á empresa, para substituír baixas e vacacións, logo podía acceder a un contrato de relevo dunha persoa que se xubilara e, finalmente, a un contrato indefinido.

“Iso foise facendo sempre seguindo unha orde estrita segundo a entrada na empresa, tras pasar un período de proba” explicou. Lembrou que xa o ano pasado houbera problemas por esta cuestión, o que provocou, xa daquela, mobilizacións. Por iso demandou, que se siga a orde acordada.

Segundo Méndez, a empresa pretende crear tres bolsas de traballo: unha cando precise vacacións, outra para baixas e outra para contratos do servizo de 24 horas. Unha situación que rexeita o comité porque pode provocar “loitas entre traballadores para conseguir un posto de traballo fixo”.

Xunto a isto denunciou os incumprimentos nas rotacións. “Todos rotamos polos distintos postos, rutas e varridos que hai na empresa, pero á hora da verdade a empresa fai o que lle parece, co que se acaba provocando estrés no persoal que non sabe nin onde ten que ir”.

Na mesma liña demandou unha orde de condución porque os peóns que teñen carné de conducir van cando é necesario e a empresa “fai como quere”. Nese sentido asegurou que non se convocan prazas de condutores malia haber, desde o último contrato, máis rutas de recollidas e de traballos.

O presidente do comité sinalou ademais que a pesar de estar permitido o cambio de vacacións por convenio, a empresa “o que fai é non cho permitir dependendo de quen sexas ou como sexas, un ano permite dunha maneira e outro doutra”. Por iso reclamou un modelo e saber como se poden cambiar as vacacións.

Libranzas o 24 e 31 de decembro

O persoal de Urbaser ten establecido por convenio que non se traballa os días 24 e o 31 de decembro e que se tempo se recupera ao día seguinte, pero co novo servizo de SELURSA que se implantou na última contrata, e que ten servizo 24 horas, non é así. “A esa xente si lle obrigou a traballar. Pedimos con antelación unha solución, que se cumprira o convenio pero a empresa alegou que esa xente non está como quenda rotatoria mañá, tarde e noite e que ao que se ten que ater é a cumprir o contrato asinado co concello de Santiago”.

Respecto de SELURSA, o presidente do comité especificou que se trata dun servizo de 24 horas “para atender calquera urxencia, por un accidente, animais mortos e demais”. Denunciou que, porén, o que está é facendo son traballos que facía o persoal de URBASER anteriormente. “Para o que foi realmente adxudicado ese servizo non o está facendo, desatende á cidadanía e por outra banda sácanos traballo que faciamos nós anteriormente”.

O novo servizo subcontratou ademais as illas de ‘quita e pon’ que están na zona vella e o comité de empresa descoñece mesmo as condicións laborais dese persoal que temen que sexan precarias. A este respecto, Méndez explicou que a empresa alegou, para xustificar a contratación dese servizo, que no cadro de persoal de URBASER non hai traballadores/as coa cualificación requirida, o carné de trailer. Fronte a isto, o presidente do comité dixo que se trata “doutra mentira máis, porque hai xente sobradamente capacitada no cadro de persoal, con carné suficiente como para manexar unha máquina desas”.

Precarización das condicións

Desde o comité denunciouse tamén a supresión do servizo de repaso en domingos pola mañá e sábados pola noite. Días de descanso nos que se fai a recollida do Ensanche e do casco histórico e os domingos o varrido de toda a cidade. Entenden que o que pretende a empresa é “contratar un cadro de persoal equivalente para eses sábados e domingos, seguramente en condicións precarias como no servizo de quita e pon, e privarnos a nós de facer eses servizos cos que conseguiamos apañar días libres e, ao final do ano, reducir minimamente a xornada, ademais dunha pequena contía económica”.

Xunto a isto o comité denunciou o incumprimento do Plan de Igualdade da propia empresa impedindo que en Santiago se poida conciliar a vida laboral e familiar. A este respecto Méndez referiuse a unha compañeira á que lle denegaron o dereito por coidado de fillas e fillos e á que convidaron a arranxar cambios cos compañeiros. Ou sexa, “un búscate a vida”, dixo.

Vestiarios

Na mesma liña, e aínda que recoñeceron que os vestiarios da nave son “medianamente bos”, consideraron que o feminino non, porque comparte espazo cun almacén. Xunto a isto apuntaron que “o de Pitelos é de hai 40 anos” e presenta, segundo Méndez, “numerosos perigos”. Entre outras cuestións sinalou que o muro de subida está a piques de caer; que a rampa de subida dos carriños está “a cachos”; que hai perigo de caídas a diferente nivel e que a zona dos novos carriños eléctricos, que hai que recargar, “inúndase cada vez que hai unha tromba de auga”, o que supón un perigo de descarga eléctrica. Isto ademais de que non hai auga quente.