Convocada folga indefinida en Serviguide contra o exceso de xornada e para reclamar o pago das horas extra
A CIG anunciou o venres a convocatoria de folga indefinida a media xornada na empresa Serviguide durante a primeira semana de marzo para rexeitar o exceso de xornada e reclamar o pago das horas extraordinarias por parte da compañía que se encarga de recoller e transportar polos para Avícola de Galicia (Avigal), principalmente na comarca do Deza. Os traballadores afectados desenvolveron unha primeira protesta a carón da estatua de Loriga, na Praza da Torre, en Lalín.
A decisión adoptouse tras tres meses de negociacións coa dirección “que non serviron para nada” porque a empresa négase a abonar todas as horas extra feitas até o de agora. “Tiñamos pactado xa a regularización da xornada e un sistema de pago en casos de excesos horarios, pero á hora de liquidar as extras pendentes a empresa ofrece unicamente 800 euros para os peóns e 1100 para os xefes de equipo, cando o importe total terían que ser 1500 e 2100”, denuncian dende a CIG da comarca do Deza.
Este cálculo da central sindical sae das 20 horas extra ao mes que fai de media cada operario, “e iso que só se poden reclamar as feitas no último ano”. Nese senso, explican que o habitual é que os traballadores coñezan ás 15:00 horas a ruta de granxas que deberán cubrir pola noite, “comezando a xornada ás 19:00 ou 20:00 horas e rematando ás 7:00 horas do día seguinte.
Precisamente para visibilizar a precariedade laboral que padecen desenvolveron unha concentración o pasado venres a carón da estatua de Loriga en Lalín ás 13:00 horas. “Tivemos que facelo por quendas para que os asistentes nos superasen as 20 persoas e evitar así o pago de sancións, xa que a protesta non foi autorizada pola Subdelegación coa escusa de que non foi convocada en prazo”.
Neste senso, lamentan a actitude do organismo estatal, tendo en conta que a protesta celebrouse nunha zona peonil e non se interrompía nin o tráfico do vehículos nin o de persoas. “Autoproclámanse o goberno máis progresista da historia pero logo non dubidan en aplicar a lei mordaza de igual xeito que o PP aplicaba a lei Corcuera”, censuran.
Condicións de escravitude
Até que a CIG non se comezou a preocupar pola situación de Serviguide o persoal da empresa padecía unhas condicións laborais próximas á escravitude, que melloraron algo ao pasar do convenio estatal de consultorías ao provincial de transporte.
O que non mellorou nada foi a seguridade e saúde laboral, xa que os traballadores seguen tendo que cambiarse de roupa no exterior das granxas, de noite e en condicións climáticas adversas, polo que esta é outras das demandas da central sindical, como tamén o é a subrogación do persoal por parte de Avigal ou da nova empresa no caso de que a actual abandone o servizo.
Serviguide conta con cadro de persoal de 21 persoas, que se encargan de cargar e transportar polos para o matadoiro dende granxas situadas na comarca do Deza, no sur da provincia de Pontevedra, na costa da Coruña ou no interior de Lugo, lo que os operarios fan uns 200 ou 300 quilómetros diarios e cargan unha media de 15 toneladas de animais por persoa. E todo por un salario de 1100 euros mensuais para os peóns e de 1300 para os coordinadores de grupo.