Convocada folga en Megatech de Ourense para reclamar melloras laborais e restrinxir o uso de ETT
O cadro de persoal de Megatech, compañía do sector da automoción con sede no parque empresarial de Pereiro de Aguiar, en Ourense, acordou iniciar folga indefinida a partir deste xoves día 6 para reclamar unha serie de melloras laborais e restrinxir o uso de ETT.
A decisión foi adoptada en asemblea por 70 votos a favor e 10 en contra despois de que a empresa -que aplica o convenio de Químicas- se negase a retomar as negociacións que foran adiadas por iniciativa da dirección antes do verán, “unha actitude que rematou coa paciencia dos traballadores/as”, segundo indican dende a CIG-Servizos de Ourense.
As organizacións sindicais con presentación no comité -a CIG, UGT, CCOO e USO- levan tempo intentando pactar melloras salariais e sociais, atopándose en todo momento coa falta de vontade da compañía. Outra das reivindicacións da parte social pasa por limitar o uso de ETT, “xa que o 60% do persoal de Megatech ten contratos de posta a disposición”.