Convocada folga en Daorje Medioambiente contra os incumprimentos de convenio, o ERTE e a modificación das condicións laborais
As datas dos paros coinciden coa parada técnica de Repsol, xa que a empresa, que se dedica á limpeza industrial, é unha das compañías coas que habitualmente conta a refinería da Coruña para realizar a limpeza. As seis xornadas de folga desenvolveranse os martes e xoves e afectan ao todo o persoal de Daorje Medioambiente no Polígono da Grela.
Dende a Federación de Construción e Madeira (FCM) da CIG na Coruña, denuncian que a empresa pretende rebaixar as condicións laborais dos seus traballadores e ante a negativa destes a asumir os recortes, presentou un ERTE sen fundamento.
Posteriormente, sen chegar a aplicar a regulación temporal, impuxo unilateralmente unha modificación substancial das condicións de traballo mediante un calendario laboral que implica traballar sábados, domingos e festivos, incumprindo polo tanto o Convenio de Construción, que non só non se compensará economicamente, senón que aínda reducirán os salarios nuns 900 euros por traballador con respecto ás súas condicións anteriores.
Ademais, despois de despedir persoal, Daorje contratou a outro novo para traballar nunhas condicións desregularizadas. “Con estes cambios a empresa busca converter os seus traballadores en escravos”, denuncia a FCM-CIG, quen engade que as tarefas que realiza este persoal son de especial penosidade.
Tanto o ERTE como a modificación substancial das condicións laborais xa foron impugnadas por vía xudicial e tamén ante a Inspección de Traballo, que semella que vai iniciar actuacións contra a empresa en materia de xornada.
Daorje Medioambiente conta no centro de traballo da Grela con arredor de 20 empregados e pertence ao Grupo Daorje, que en todo o estado conta con miles de traballadores/as.