Convocada folga en Citroen o xoves 16 para esixir solucións á sobrecarga de traballo na liña de montaxe
A representación de CIG, CCOO e UGT no comité de Citroen que mantiña un encerro nas instalacións de Vigo dende o pasado luns acordaron hoxe levantar esta medida e, ante a falta de respostas por parte da dirección para solucionar os problemas de sobrecarga de traballo en montaxe, dar un paso máis e convocar unha xornada de folga para o vindeiro xoves, 16 de maio.
A esta xornada de paro, avanzou Manuel Domínguez representante da CIG no comité, poderíanlle seguir outras xornadas de folga "porque non imos abandonar a reivindicación sobre o exceso de carga de traballo dos postos produtivos e que esta sexa realizábel". Neste senso, criticou que a dirección de PSA Peugeot Citroën asegure que existe diálogo coa representación social cando en realidade "non hai ningún diálogo construtivo porque non están resolvendo nada. Nós apostamos pola negociación, pero esta ten que levar a melloras nas condicións laborais".
Denuncia que a dirección non avanzou nada neste sentido, malia que as organizacións sindicais levan demandando medidas correctoras para rebaixar a carga de traballo e que se contrate ao persoal necesario, dende que se levou a cabo a planificación dos postos na liña 2 de montaxe. "Os postos son irrealizábeis, a carga de traballo inasumíbel e a xente xa non dá máis", engadiu Domínguez, ao tempo que advertíaque este sobreesforzo está comezando a derivar en problemas de saúde para os operarios e operarias.
Chamamento ao persoal
A representación sindical comezou este mesmo venres a informar os traballadores e traballadoras da convocatoria nas distintas quendas e o luns falarase co conxunto do persoal para informar e concretar o desenvolvemento da folga.
Domínguez apuntaba que os problemas de sobrecarga afectan especialmente á liña 2 pero situacións similares poderíanse darse noutras liñas de montaxe. Por iso, CIG, CCOO e UGT chaman a todo o persoal da fábrica a secundar a folga do xoves 16.