Convocada concentración contra a pretensión de Gadis de perseguir o dereito á folga

A empresa presentou demanda para que se lle pague o que deixou de ganar durante as exitosas xornadas de paro no comercio de alimentación da Coruña
A Coruña - 16 Xul 2026

A CIG e o resto de organizacións sindicais con representación na mesa de negociación do convenio de comercio de alimentación da Coruña teñen convocada unha concentración para o vindeiro luns, 20 de xullo, en rexeitamento ás pretensións de Gadis de perseguir o dereito á folga e amedrentar o persoal do sector na súa loita por un convenio digno.

A protesta será ás 09:30 horas e coincide co acto de conciliación no SMAC (rúa María Victoria Fernández España) pola demanda presentada por Gadis na que reclama ao comité de folga e aos sindicatos 1.250.000€ polos prexuízos causados nas súas vendas debido ao éxito das folgas.

Para a CIG-Servizos trátase dunha demanda “delirante” sen fundamento ningún xa que as folgas se convocaron e se desenvolveron respectando a legalidade vixente. “O que pretende Gadis é que se lle compense polas consecuencias inherentes ao exercicio fundamental dun  dereito fundamental da clase traballadora como é o dereito á folga”, salienta.

De feito, explica Roberto Pérez, representante da CIG na mesa de negociación, a propia patronal do sector se desentendeu desta demanda xudicial, indicando que se trata dunha actuación individual de Gadis.

Subliña que o texto da demanda constitúe un relato pormenorizado do éxito das xornadas de folga que conseguiron paralizar a actividade nos almacéns loxísticos “non porque houbera algún tipo de altercado, senón porque o persoal secundou masivamente o paro e non había persoal para sacar adiante o traballo”. Isto provocou unha perdas económicas que Gadis cifra en máis de un millón de euros, que son os que agora lle reclama ao comité de folga e aos sindicatos convocantes.

Para Pérez resulta evidente que, con esta demanda, a empresa intenta amedrentar o persoal para que abandone as mobilizacións polo convenio colectivo e ao tempo busca influír no decorrer da mesa de negociación, que mañá mesmo se volve reunir.

Neste senso, lembra que xa están convocadas tres novos días de folga no comercio de alimentación para o 24, 25 e 26 de xullo ante a falta de avances na negociación. “Gadis non negocia e ademais quere que lle paguemos polo que deixaron de ganar durante as folgas. Se esta compañía (que xunto con Froiz controla o convenio) quere evitar máis folgas teno moi fácil: apostar por unha negociación real e pór enriba da mesa propostas serias que permitan chegar a un acordo que peche o conflito”.