
Convenios dignos no metal coruñés e nos centros de chamadas

A conflitividade na negociación colectiva está nun punto de especial efervescencia en Galiza e atinxe a sectores moi dispares. Que o nivel de conflitividade sexa maior que noutros territorios non se pode separar do feito da CIG ser a primeira forza sindical.
Na provincia da Coruña, despois de dous anos de negociacións infrutuosas e ante as pretensións da patronal de resolver o convenio de siderometal cunha suba salarial que non garante o poder adquisitivo e sen recoller ningunha das reivindicacións da plataforma sindical para rematar coa precariedade, a CIG iniciou o pasado mes de xaneiro mobilizacións por un convenio digno.
Máis dun milleiro de persoas participaron na primeira manifestación na Coruña para denunciar as manobras da patronal que pretende recortar os dereitos recollidos no convenio, “intentando trasladar ao texto os aspectos máis lesivos da reforma laboral de 2012, que foron ratificados pola reforma de 2021”.
A CIG-Industria advirte que a patronal quixo bloquear as reunións da mesa do convenio, “facendo unha interpretación malintencionada e trapalleira da nova lexislación laboral, querendo abocarnos a unha mediación e frear desta maneira as mobilizacións do sector”. Pero non o conseguiron e atrás desta virán outras.
No sector dos centros de chamadas tamén levan dous anos negociando o convenio, neste caso de ámbito estatal e cunhas condicións nas que a precariedade parece enquistarse e que patronal quere consolidar. Fronte a isto, e ante a falta de resposta do resto de sindicatos con presenza na mesa, a CIG-Banca iniciou un calendario de mobilizacións en Galiza nas cidades onde están as principais plataformas: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo e Santiago.
Negociación estancada
A negociación está totalmente estancada, mentres os soldos dos traballadores e das traballadoras permanecen conxelados. A CIG calcula que os cartos perdidos polo persoal en 11 anos a causa das cativas condicións do convenio ascenden a máis de 10.000 euros, nun sector “no que os salarios están a piques de ser superados polo SMI”.
A precariedade non afecta só as retribucións, senón tamén ás elevadísimas taxas de temporalidade, ás dificultades para conciliar, á clasificación profesional inadecuada e obsoleta, á distribución irregular da xornada ou a que boa parte dos contratos son a tempo parcial. A isto, habería que sumarlle os gastos xerados polo teletraballo, imposto ás presas polas empresas ao inicio da pandemia sen garantir ningún dereito.