
Contra o desmantelamento e a privatización da sanidade pública

SOS sanidade Pública vén de lanzar a convocatoria de concentracións en cidades e vilas galegas para o vindeiro día 24 de xaneiro contra a modificación da Lei Galega de Saúde, coa que o PP afonda no desmantelamento e na privatización do sistema sanitario público galego. Xunto a isto desenvolverá unha intensa campaña en todo o país para explicar as consecuencias que para usuarias e usuarios ten a reforma desta lei, facendo un chamamento á sociedade galega a participar masivamente na manifestación nacional que terá lugar en Compostela o domingo día 4 de febreiro.
A plataforma, da que fai parte a CIG, denuncia que coas modificacións introducidas na Lei Galega de Saúde se desmantelan os hospitais comarcais, dificultando o acceso á asistencia especializada da poboación rural e recentralizando o control da Consellaría de Sanidade sobre a atención da saúde.
Perpetúa ademais as Estruturas de Xestión Integrada, que someten a Atención Primaria ás Xerencias Hospitalarias, en detrimento da promoción, prevención e atención máis próxima ás e aos doentes.
Privatización da investigación
Privatiza a formación, a investigación e a innovación sanitaria, consolidando a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, penetrada por empresas multinacionais.
A reforma non só reduce e limita a participación social no control da Sanidade Pública Galega, senón que mesmo favorece a creación de chiringuitos, para laboralizar o persoal, potenciando o favoritismo e a arbitrariedade na contratación do persoal sanitario.