Continúan en Lugo e Ourense as asembleas preparatorias do Primeiro de Maio
Dáse así continuidade ás asemblea celebrada a pasada semana pola Unión Comarcal de Ferrol, á da Unión Local da CIG de Cee (localidade onde por primeira vez a CIG convocada concentración do gallo do 1º de Maio) ou á celebrada onte mesmo na Unión Local da Mariña, con concentración posterior nos xulgados de Viveiro.
Hoxe, en Lugo, despois da asemblea, as delegadas e delegados trasladáronse até os xulgados da cidade para protestar contra o colapso no que están inmersos a día de hoxe os xulgados do Social e reivindicar máis medios para os mesmos, pois, denuncian, son os que teñen os tempos de espera máis longos de todo o país.
Por mor este desbordamento, sinalou o Secretario Comarcal, Antonio Niño, estanse a citar os xuízos por despedimentos a 5 meses e no caso de reclamación de cantidades ou outros dereitos a espera é até de 2 anos. “A media de entrada de asuntos nos Xulgados de Lugo é moi superior á estipulada polo Consello Xeral do Poder Xudicial, 1.176 casos de media en fronte aos 850 que marca o CXPX”, apuntan.
“Entendemos que esta situación é insostíbel e deixa aos traballadores e traballadoras absolutamente indefensos ante as prácticas irregulares por parte das empresas”. Fronte a isto, dende a CIG de Lugo indicaron que van levar adiante unha campaña “para esixir que se acometan as medidas oportunas para resolver esta situación; medidas que pasarían pola creación dun novo Xulgado do Social na provincia, ou ben pola creación de equipos de reforzo para os xulgados actuais”.
En Ourense, a CIG celebrou asemblea de delegados e delegadas na que se analizou a situación económica e laboral da comarca, as consecuencias das regresivas reformas aprobadas polos gobernos de PSOE e PP e o recorte de dereitos e liberdades. Tamén se avaliaron as políticas antisociais da UE e o seu carácter proimperialista.
Manifestacións
- Vigo: 12:00 h do Cruce da Doblada.
- A Coruña: 12:00 h, Praza de Vigo.
- Pontevedra: 12:00 h, Praza da Ferrería.
- Ferrol: 12:00 h, Avda de Esteiro.
- Santiago: 12:30 h da Praza Roxa.
- Lugo: 12:00 h da Ronda da Muralla.
- Ourense: 12:00 h do Pavillón dos Remedios.
- Ribeira: 12:00 h da Praza do Peixe.
- Foz: 12:30 h diante de Facenda.
- Vilagarcía: 12:00 h da Casa do Mar.
- A Estrada: 12:00 h da Praza do mercado.
- Cee: 12:30 h Praza do Concello.
- Cangas: 17:00 h desde o Concello.