Continúan as mobilizacións en demanda do rescate do servizo de limpeza da USC
As traballadoras do servizo de limpeza da USC concentráronse esta mañá diante da Casa da Balconada para reclamar o rescate da contrata e que o servizo sexa prestado directamente pola universidade subrogando a todo o persoal que traballa na concesión. O persoal vén desenvolvendo mobilizacións desde principios do mes de marzo e ten previsto convocar unha manifestación para o vindeiro día 3 de abril.
A demanda do rescate da contrata é a alternativa que se presenta desde o comité de empresa e da asemblea de traballadoras fronte a ofensiva da USC, que na actual licitación dividiu a contrata en dous lotes, cuestión pola que xa se interpuxo recurso administrativo especial.
A división en lotes vai significar, segundo explica Anxo Noceda, a imposibilidade de garantir o pleno cumprimento dos dereitos laborais contemplados actualmente. Porén, asegura “non supón ningún beneficio para a USC”. Por iso entende que “se nin supón unha mellora na xestión, nin aforro económico o único obxectivo desta división sería, polo tanto, empeorar a curto e medio prazo as condicións laborais e quen sabe se as económicas do persoal”.
Pola contra o ‘rescate’ da contrata, que en termos legais é posíbel executar coa nova lei de contratos de Estado –Lei 9/17-, si implicaría un claro aforro económico para a USC, ao tempo que, como mínimo se manterían as actuais condicións laborais do persoal e melloraría a xestión do servizo ao facerse de xeito directo pola propia universidade, explica Noceda.
Respecto do aforro económico o representante da CIG matiza que “como mínimo se concretaría en non ter que asumir ningún custo adicional por beneficio empresarial, así como no aforro de practicamente o 100% do IVE que a USC lle paga as empresas concesionarias e que ascendendo, anualmente, a un mínimo dun 1.200.000€”.
Por iso Noceda se pregunta cal é o interese da USC en abonarlle esa enorme contía económica a unha empresa privada no canto de empregar eses cartos tanto na mellora das condicións laborais e económicas do seu propio persoal, pasando pola contratación de máis persoal, mellora na dotación de bibliotecas, laboratorios, mellorar as condicións das súas/seus investigadoras/es… ou mesmo nunha maior dotación das bolsas de axuda aos estudantes.