Continúan as mobilizacións da limpeza hospitalaria en demanda do cumprimento dos acordos

A CIG denuncia a represión de Ilunion contra o cadro de persoal enviando ducias de apercibimentos con motivacións infundadas
Compostela - 20 Xun 2025

O persoal do servizo de limpeza dos hospitais Clínico e Gil Casares mobilizouse novamente na tarde deste xoves para exixir o cumprimento de todos os acordos e denunciar que a empresa, transcorrido un mes do inicio das protestas, segue sen sentar a negociar. A CIG denuncia, ademais, a represión que se está a exercer por parte de Ilunion contra o cadro de persoal e a pasividade da Xerencia na vixilancia do cumprimento das condicións laborais, mentres se amosa estrañamente dilixente para ordenar á policía que dificulte as mobilizacións.

Dentro do calendario de mobilizacións acordado, desenvolvíase este xoves unha nova concentración diante do hospital clínico para reclamar o cumprimento do convenio e dos diferenets acordos de Ilunion co persoal.

Anxo Noceda, representante da CIG, salienta, entre outros a negativa a sacar a concurso varias das vacantes que tiñan que terse ofertado no mes de novembro e que, a día de hoxe, aínda non saíron; a bolsa de emprego; a situación en materia preventiva, nomeadamente polo estado calamitoso dos vestiarios “con bichos de diferente entidade paseándose por eles”; coa carga de traballo existente; coa denegación sistemática, e sen xustificación, dos días de libre disposición, co establecemento de prazos unilaterais para, por exemplo, comunicar os cambios de vacacións entre o persoal; co abono da carreira profesional ou co abono da nocturnidade.

 

Unidade malia a represión

A CIG subliña a importancia que a unidade e a forza que o conxunto do persoal está a manter nestas mobilizacións. Isto malia os continuos intentos -por parte, tanto da empresa, como da Xerencia- de amedrentar e reprimir ao cadro de persoal. A empresa, por unha banda, remitindo escritos ameazantes e sen fundamento a ducias de traballadoras e a Xerencia, pola outra banda, requirindo a presenza de cada vez máis policía. Unha decisión especialmente grave tendo en conta que as mobilizacións nunca obstaculizaron o normal funcionamento do centro hospitalario e sempre se desenvolveron sen que se producise incidente algún.

A CIG reitera a necesidade de manter a cohesión e firmeza do cadro de persoal. Neste sentido chama a seguir mantendo a participación masiva das traballadoras e traballadores nas mobilizacións, nomeadamente na seguinte protesta prevista para o vindeiro día 27 de xuño ás 17:30 horas diante do Hospital Clínico.