A CIG chama a participar na mobilización convocada polas confrarías en defensa da Ría de Ferrol
Representantes da centrais sindicais CIG, UGT e CCOO reuníronse esta mañá coas confrarías da Ría de Ferrol, que lles trasladaron a terríbel situación na que se atopa a ría e os baixos niveis de produción, no entorno do 10% do que era hai uns anos. "Unha situación na práctica de colapso da Ría que ameza con expulsar do sector a un elevado número de persoas", advertiron dende as confrarías.
Manifestaron tamén a falta total de implicación por parte da Consellaría para resolver o abandono e a falta de rexeneración da ría, "que non fai máis que poñer desculpas e culpabilizar o propio sector", o que consideran de facto unha dimisión das súas competencias.
Na reunión, os patróns informaron da mobilización que teñen convocada para este venres, 4 de decembro, que consistirá nunha caravana de vehículos que sairá dende A Malata ás 12:45h e percorrerá os concelles da volta da ría.
Por parte dos sindicatos maioritarios amosouse a preocupación pola situación dun sector que non só da emprego a un volume importante de persoas na actualidade, senón que podería ser un dos motores para a recuperación económica e social da comarca se recibira os investimentos e a atención necesaria.
Por iso, confrarías e sindicatos fan conxuntamente un chamamento público a participar na mobilización do venres en defensa da Ría de Ferrol.