Confírmase o novo recorte das pensións pactado no diálogo social

A CIG demanda que se faga público o contido íntegro do acordo
Nacional - 19 Set 2024

A CIG reitera o seu rexeitamento, como xa fixo o pasado 31 de xullo, ao novo recorte nos dereitos da clase traballadora plasmado este mércores polo Goberno, CCOO, UGT e a patronal española co asinamento do acordo para a reforma das pensións. A CIG denuncia que o Exeuctivo recorra máis unha vez ao diálogo social para afondar no deterioro do sistema público de pensións e advirte que esta reforma dificulta o acceso á xubilación parcial e non resolve as reivindicacións de colectivos laborais que padecen condicións de especial penosidade, perigosidade ou toxicidade.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, considera escandoloso que a día de hoxe non se coñezan os termos exactos dun acordo que afecta directamente ao dereito a unha xubilación digna e avanza na privatización da sanidade pública. "A opacidade que se lle está dando a este acordo lévanos a pensar que o seu contido é aínda moito peor e máis regresivo do que se coñece. A falta de transparencia e de claridade durante as negocacións no chamado diálogo social afiánzase agora coa non publicación do texto".

Critica que o Goberno español utilice o diálogo social como o aval para recortar os dereitos da clase traballadora, negando a posibilidade de dar un debate plural e transparente nos órganos de representación institucional tripartita. A este respecto, Carril denuncia que, de xeito permanente, "o Executivo autoproclamado máis progresista da historia usurpa os dereitos de representación institucional das centrais coa condición de máis representativas, como a CIG, e ademais pretende impor os pactos do diálogo social á soberanía parlamentar".

Dificúltase o acceso á xubilación parcial

Sobre o que se coñece so acordo, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, subliña que todo o que non signifique recuperar a xubilación parcial aos 61 anos en todas as actividades constitúe un prexuízo para os dereitos que a clase traballadora xa tiña recoñecidos e que lle foron roubados nas diferentes reformas das pensións encadeadas dende o ano 2011. Cómpre lembrar que nese ano, o Goberno de Zapatero, co aval de CCOO, UGT e a patronal, executou unha lesiva reforma para atrasar a idade de xubilación aos 67 os anos, incrementar os anos de cotización para o período de cálculo e recortar o dereito á xubilación parcial aos 61 anos.

Para a industria manufactureira, que agora ten recoñecida a xubilación parcial a partir dos 61 anos, amplíase de dous a tres anos a posibilidade de anticipar a xubilación parcial, "mais descoñecemos se a partir dos 61 anos ou atrasándoa até os 62 anos". Para o resto de traballadores e traballadoras o acceso ao retiro parcial fica como xa estaba, pero sen poder adiantala máis de tres anos.

Para Carril "hai un recorte na medida en que as persoas traballadoras non se poden xubilar aos 61 anos, afianzando a xubilación ordinaria aos 67 anos, e continúan exixíndose carreiras de cotizacións moi longas que, nun mercado laboral precarizado como o actual, deixa a moitas persoas fóra deste dereito".

Destaca que se insista na prolongación da vida laboral ao mesmo tempo que se fala da necesidade de rexuvenecer os cadros de persoal e cando o Estado español ten a taxa de desemprego xuvenil máis elevada da UE.

Sen coeficientes para as profesións máis penosas

No relativo á xubilación anticipada por coeficientes redutores, o secretario xeral critica que con esta reforma non se resolven as reivindicacións de moitos colectivos que desenvolven a súa actividade en profesións especialmente perigosas, tóxicas ou penosas, xa que non se lle recoñecen coeficiente redutores, nin se estabelece un procedemento para permitir que se recoñeza con celeridade o acceso a este dereito para novas actividades e profesións.

Fronte a isto, a CIG demanda que a xubilación parcial aos 61 anos sexa un dereito para o conxunto da clase traballadora; a necesidade de retornar á xubilación aos 65 anos e non aos 67; que sexa voluntaria para aquelas persoas traballadoras que a calquera idade teñan acreditado 35 anos de cotización á Seguridade Social; e unha mellora que permita o acceso á xubilación a través de coeficientes redutores a moitas profesións perigosos, tóxicas e penosas como construción, transporte de viaxeiros/as e de mercadorías, sector sanitario e sociosanitario, actividades de coidados, dependencia, servizo de gardacostas, persoal bombeiro e axentes forestais, plantas de tratamento de lixo, etc.

Máis poder para as mutuas

Pero o acordo que se negociou no diálogo social afonda tamén na privatización da sanidade pública ao ampliar os ámbito de actuación das mutuas na xestión da saúde das persoas traballadoras. Desta maneira, o Goberno español asume os acordos atinxidos entre a patronal estatal e os sindicatos CCOO e UGT no V AENC para que sexan estas entidades privadas as que xestionen os procesos de Incapacidade Temporal e as patoloxías derivadas de enfermidades músculo-esqueléticas.

Sen pasar polo Congreso nin por ningún ámbito institucional, o Goberno actúa ao ditado do AENC e avala modificacións nunha materia tan crítica como os coidados da saúde das persoas traballadoras para outorgarlle máis poder as mutuas, cando xa hoxe son un instrumento de abuso enorme a prol dos intereses da patronal. A CIG advirte que esta medida, posta en man do PP na Xunta de Galiza, pode multiplicar os seus efectos negativos como unha nova ferramenta para desmantelar o sistema sanitario público.

Por iso, a CIG reitera a súa oposición frontal a que se amplíen as competencias das mutuas, e neste camiño xa mantivo reunións co conselleiro de Emprego e coa Consellaría de Sanidade e se dirixiu aos grupos parlamentares para demandar que a Xunta de Galiza non subscriba convenios de colaboración coas mutuas para cederlle competencias propias do SERGAS.