O Igape confírmalle ao persoal de Poligal a caída dos inversores que se barallaban para a empresa
O IGAPE confirmou esta mañá, na xuntanza celebrada coa representación das traballadoras e traballadores de Poligal a caída dos dous grupos inversores que se barallaban. O de capital estranxeiro decidiu apartarse do proceso e o de capital español, malia seguir amosando interese, nin avanzou nin concretou nada máis. Así as cousas o persoal reclama un compromiso político para garantir alternativas que permitan o mantemento do emprego para todo o cadro de persoal e denuncia o abandono do ministerio de Industria, do que levan xa máis dous meses sen saber nada.
“Non é unha boa noticia” lamentou ao remate da xuntanza Alberte Amado, representante de CIG-Industria de Ferrol quen explicou que, segundo o IGAPE, un dos motivos polos que esta segunda opción non avanzou é porque se trata dun dos grupos que está inmerso no proceso de Alcoa.
Diante desta situación o propio IGAPE reprochou, segundo Amado, ao Administrador Concursal non ter sido máis proactivo e non ter buscado outras alternativas. Reproche co que coincidiu a representación das traballadoras e traballadores.
Alternativas industrias para garantir o emprego
Así as cousas o persoal intentará manter unha xuntanza para a vindeira semana co Administrador Concursal e o grupo de traballo para valorar o procedemento de liquidación previsto e que este deixe marxe para poder buscar alternativas industrias. Ademais intentarán diversificar e non cinxir unicamente ao sector do plástico buscando outras posibilidades ligadas á comarca ou a outros proxectos que poidan encaixar xeograficamente.
“O que estamos exixindo é que aquí se dea unha alternativa de emprego”, sinalou o representante da CIG-Industria de Ferrol. “De inicio consideramos que o camiño era o propio sector, basicamente pola formación e cualificación do persoal, mais o obxecto que ten esta mesa é o mantemento do emprego. Todo o que estaba pendente caeu e unha vez exploradas estas dúas vías de posibles inversores que non se concretaron hai que explorar outras que permitan garantir o emprego que é o que nos importa”, subliñou.
Con todo afirmou que “a diversificación depende dunha decisión política, porque naves baleiras en Ferrol hai máis de unha” mais tamén ten que vincularse ao cadro de persoal de POLIGAL en concreto para a súa inmediata recolocación. Unha alternativa que contemplase ademais un plan de formación profesional, tendo en conta a idade das traballadoras e traballadores e a súa especialización no sector do que parten.
Amado considera que esta diversificación podería facerse ben ligada ás axudas que poidan aparecer a través do Plan Ferrol ou outro tipo de Plan deseñado especificamente para reflotar e garantir o emprego dos traballadores e traballadoras desta empresa.