Concéntranse diante do Parlamento para denunciar a perda de peso da automoción polo desleixo da Xunta
A CIG-Industria desenvolveu hoxe unha mobilización diante do Parlamento galego en Santiago para denunciar a perda de peso do sector galego da automoción como consecuencia do desleixo da Xunta, que está a provocar a marxinación do noso país nos novos proxectos público-privados, como a instalación dunha megaplanta para a fabricación de baterías para vehículos eléctricos. A central sindical aproveitou para rexistrar solicitudes de xuntanza cos distintos grupos con representación no hemiciclo co obxectivo de abordar as propostas que garantan o futuro dunha industria estratéxica para Galiza e fundamental para comarcas como a de Vigo.
A concentración que tivo lugar ás portas do Parlamento fai parte da campaña en defensa do sector galego do automóbil que vén de reactivar a CIG para reclamar a instalación dunha fábrica de baterías para coches eléctricos en Galiza, unha vez que o Goberno español anunciou o pasado 4 de marzo a creación dunha fábrica de baterías para coches eléctricos en Barcelona, proxecto promovido por un consorcio público-privado no que participan Iberdrola e o fabricante Seat-Volkswagen.
Trátase da primeira planta de baterías deste tipo que se instalará no Estado, e o Goberno comprometeu o proxecto antes da propia convocatoria de axudas dos fondos europeos, anunciando que será un dos beneficiarios dos cartos públicos destinados ao plan de recuperación, transformación e resiliencia.
Ante as queixas dos diferentes Gobernos autonómicos, o Executivo central xa comprometeu o seu apoio ao proxecto doutra gran planta en Valencia. “Mentres, aquí en Galiza vemos como o gran valedor de Núñez Feijóo, o presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, explota e destrúe o noso territorio, logrando máis megavatios de enerxía e enormes beneficios para afrontar grandes investimentos e proxectos industriais cos que favorecer o desenvolvemento económico noutros territorios, cando o noso país se desangra coa emigración e con peches de empresas”.
Galiza está a perder importantes industrias por falta de investimento público e dunha política industrial orientada a que os nosos recursos, especialmente os enerxéticos, revertan na creación de empregos e na industrialización do país. “Porén o Goberno do Estado, coa complicidade da Xunta, non ten ningún reparo en concederlle ás grandes empresas máis negocio no sector enerxético a conta do espolio económico e do deterioro ambiental do noso territorio”.
Propostas actualizadas
A campaña que a CIG vén de reactivar púxose en marcha en 2019 para alertar da grave situación na que se atopa a industria galega do automóbil e achegar propostas de futuro, como a dunha transición galega xusta para o sector da automoción e dos carburantes, ameazada por unha Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética que non contempla alternativas para a actual fabricación de coches a combustión nin diante da implantación de novas tecnoloxías nos procesos de produción que eliminarán os postos de traballo menos cualificados.
O obxectivo era poñer enriba da mesa a ausencia de políticas para o sector que freen o seu esmorecemento progresivo, xa que as principais compañías optan por instalarse en solo portugués. “De feito, dende o comezo da crise en 2008 ningunha empresa da automoción escolleu o noso territorio para novos proxectos, mentres que as que quedan afrontan reducións dos cadros de persoal, precarización das condicións laborais, ameazas de deslocalización, marcha de partes das súas producións as plantas doutros países ou peches”.
Por iso dende a CIG ven con preocupación o desleixo do Goberno galego á hora de aplicar políticas que permitan atraer empresas e a falta de planificación que padece o sector industrial, sen unha política propia que atenda as necesidades e peculiaridades do país. “Por iso insistimos na necesidade de impulsar un plan galego para a industria da automoción ou de apostar claramente pola formación e non por afondar na precarización laboral”.
No marco desta iniciativa a central entregáralle un escrito aos grupos con representación no Parlamento galego solicitándolles que converteran en iniciativas parlamentarias estas propostas co obxectivo de que o Goberno central e a Xunta “aposten de xeito decidido por unha industria estratéxica para Galiza”. Nesta ocasión rexistrou solicitudes de xuntanza cos tres partidos maioritarios para abordar as alternativas que elaborou a CIG para garantir o futuro da automoción galega, que foron actualizadas tendo en conta a evolución do sector.
Entre estas propostas, algunhas tan necesarias como impulsar un plan galego para a automoción no que se recollan medidas de apoio a I+D+i, especialización para a produción de vehículos de alto valor engadido e optimización de procesos produtivos; crear unha mesa galega do automóbil integrada polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), as centrais sindicais e as tres universidades.
Ou contar cunha política enerxética de país que reduza os custes e permita maior competitividade mediante unha tarifa eléctrica propia, implementar un plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal para garantir o relevo no sector e adaptar a formación profesional pública á nova realidade tecnolóxica derivada da coñecida como industria 4.0 ou cuarta revolución industrial.
Propaganda institucional
“Mais a resposta da Xunta foi o silencio, mentres asistimos a actos indecentes de pura propaganda institucional por parte do seu presidente, do conselleiro de Industria, do presidente da Zona Franca de Vigo e do alcalde”. E iso a pesares de que levan anos prometendo a instalación dunha planta de fabricación de baterías, “mentres PSA xa decidiu que as baterías que montan na planta de Vigo se fabricarán en Francia e Alemaña”. Pero agora, ante o anuncio do Goberno central, volven facer “publicidade enganosa” dunha planta que xa non sería para turismos e automóbiles comerciais, que son a case totalidade dos automóbiles que se producen.
Na CIG advirten que non ter unha planta de fabricación de baterías eliminaría o sector galego da automoción do taboleiro da fabricación do coche eléctrico, e polo tanto aumentaría a súa situación de febleza ante os novos cambios que se afrontan no sector. “A Xunta non pode seguir a xogar un papel irrelevante nunha industria estratéxica para Galiza, facendo unicamente de correa de transmisión das políticas que impón PSA Citroën, polo que se fai imprescindíbel unha planificación axeitada e unha política industrial que garanta a supervivencia dun sector cunha importante incidencia na economía galega e fundamental en comarcas como a de Vigo”.