Concentracións na provincia da Coruña pola negociación do convenio colectivo de comercio vario
Traballadores/as do sector de comercio vario concentraranse este venres día 10 de novembro, ás 12:00 horas, nas cidades da provincia da Coruña para denunciar a negativa da patronal a constituír a mesa negociadora. En Compostela a concentración está prevista diante do Zara da Praza de Galiza; na Coruña, na Praza de Lugo e en Ferrol, diante do centro comercial Odeón. Ademais, o venres día 17 repetiranse as protestas e continuarase coas mobilizacións mentres non haxa resposta da patronal. O convenio afecta a todo o sector na provincia agás grandes almacéns.
Unha vez finalizada a vixencia do convenio colectivo de comercio vario da provincia da Coruña, en decembro de 2015, as tres centrais sindicais CIG, UGT e CCOO denunciárono para o volver negociar.
Porén, ningunha das asociacións patronais afectadas quixo sentar aínda. Un “bloqueo” que impide que se poida constituír a mesa ao non haber “por parte deles, ninguén disposto a acudir”. De feito aseguran que nin sequera fixeron caso dunha solicitude de mediación tramitada a través do Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo explican os sindicatos convocantes, o problema é que este convenio só ten ultraactividade até o 30 de xuño de 2018 o que implica que se non se asina un novo, desaparece. “Aplicarásenos o Estatuto dos/as Traballadores/as, sen ningunha mellora. Todos os nosos dereitos desaparecen e as consecuencias serán demoledoras. Non cobraremos o 100% nas baixas, conxelaranse os salarios, non haberá asuntos propios, poderían contratar novos/as traballadores/as cobrando só 707,60€ brutos, o SMI”. Deixaría, en síntese, a todo o persoal de comercio nunha situación de precariedade total.
Para esta mesma noite está prevista unha asemblea xeral de traballadores/as do comercio vario e mobilizacións nos vindeiros días, até conseguir que a patronal sente a negociar.