Concentración nos xulgados de Ferrol para denunciar a persecución de Geriatros a unha delegada da CIG
Ao xuízo chegouse, explica a Secretaria Comarcal da CIG-Servizos, Cristina Martínez Padín, ante a insistencia da empresa por manter unha sanción a unha das delegadas da central sindical por presuntamente fumar dentro das instalacións do centro. Unha acusación que a delegada nega rotundamente e que así o confirmaron outras compañeiras sancionadas polo mesmo motivo.
De feito, antes do xuízo celebrouse unha conciliación e a propia axudante da xuíza recordoulle a empresa que -ademais de estar fóra de tempo- actuara incorrectamente porque, de seren certas as súas acusacións, tería que abrirlle expediente á delegada, dada a súa condición de membro do Comité. Procedemento que a empresa non seguiu, como tampouco se aveu a solucionar o conflito no marco das reunións co Comité ou no SMAC, ao que non se presentou.
Finalmente, hoxe chegouse a un acordo, ficando sen efecto a sanción e comprometéndose a representación social e a dirección a manter un encontro para abordar como se ten que proceder dentro do centro.
Iso si, apunta Padín, antes de lograr este acordo, a empresa pretendeu que se asinara outro polo que a sanción quedaba sen efecto, pero cuxa redacción implicaba, de facto, que a delegada recoñecera que si fumara no centro; algo que non estaba disposta a aceptar por ser falso.
Atrás deste embrollo, engade, atópase a persecución da empresa ás traballadoras/es que reclaman os seus dereitos, nomeadamente na figura desta delegada da CIG pola súa actividade reivindicativa. Non cómpre esquecer que ten presentado diversas denuncias na Inspección de Traballo, entre outras cuestións, relativas á xornada laboral ou aos impagos dos atrasos salariais ao persoal eventual.
Así as cousas, dende a CIG-Servizos advirten que non se vai consentir este tipo de comportamento cara ás delegadas e delegados da central sindical, por parte de ningunha empresa, e que se emprenderán as medidas oportunas para defender os dereitos das traballadoras e traballadores.