Concentración no SEPE para esixir que lle recoñeza ao persoal do GES de Guitiriz o dereito a cobrar o paro
A CIG continuou este xoves as mobilizacións en defensa dos dereitos das e dos traballadores do Grupo Supramunicipal de Emerxencias (GES) de Guitiriz afectados por un ERE temporal pero a quen o Servizo Público de Emprego non lles recoñece a prestación por desemprego por entender que o expediente é manifestamente ilegal.
Con esta concentración, explica o secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, quérese demandar do SEPE que lle recoñeza os traballadores e traballadoras o dereito a cobrar o paro, posto que a súa negativa "déixaos nunha situación absolutamente precaria e de indefensión". Aproveitando a protesta, solicitouse unha reunión coa directora provincial do organismo quen reiterou que as Administracións públicas non poden aplicar un ERE ao amparo do artigo 47 do Estatuto de Traballadores/as, e por iso entende que o expediente é nulo e que este persoal non está en situación de desemprego.
Neste senso, Neto apunta que, aínda compartindo o parecer do SEPE sobre a ilegalidade da regulación executada polo Concello de Guitiriz, hai un feito obxectivo: aos traballadores/as aplicóuselles un ERE temporal e están involuntariamente nesta situación, tal e como así o acreditan as demandas presentadas no xulgado do Social.
Pero ademais, o secretario de Organización da CIG de Lugo lembra que non é competencia do SEPE determinar a nulidade ou non do expediente de regulación, senón da xustiza, polo que "a Dirección Provincial do SEPE estase excedendo nas súas funcións. Ao noso entender o que debería facer é recoñecerlle o dereito a percibir o paro a este persoal, que ten o contrato suspendido dende o pasado 30 de xaneiro, e logo pasarlle a correspondente liquidación ao Concello".