Concentración no INSS de Lugo para esixir xustiza e recoñecemento para as persoas afectadas por enfermidades ambientais
A asociación de persoas afectadas por enfermidades ambientais, Asociación SQM-EHS Galiza, e a CIG ralizaron este venres unha concentración diante da sede do INSS de Lugo para demandar xustiza e o recoñecemento destas doenzas por parte da administración á hora de avaliar a estas persoas. Con esta mobilización quérese visibilizar a dramática situación destas persoas e denunciar o trato discriminatorio que sofren.
Durante a protesta explicouse que as persoas afectadas por enfermidades ambientais (diagnosticadas de Sensibilidade Química Múltiple, Encefalomielite Miálxica/Síndrome de Fatiga Crónica, Electrohipersensibilidade, Fibromialxia e Lyme crónico) padecen doenzas crónicas que lles supoñen non só enormes dificuldades para poder desenvolver unha vida laboral con normalidade, senón tamén na súa vida diaria, motivadas polos efectos que nas mesmas provoca a contaminación ambiental. Estas, ademais, son enfermidades cun nesgo de xénero, pois mais do 80% das persoas afectadas son mulleres.
"Estas persoas carecen de médicos de referencia, de unidades especializadas, de investigación, de tratamentos…, non poden saír das súas casas, non poden facer as rutinas básicas de autocoidado…, e sobra decir que non están capacitadas para poder traballar", subliñouse. E aínda así, o INSS en Galiza non concede unha soa Incapacidade Permanente en vía administrativa, contrastando co resto do Estado, onde se conceden o 46%.
Así pois, a CIG e a Asociación SQM-EHS denuncian que existe unha discriminación total e absoluta do INSS en Galiza cara ás persoas que padecen estas enfermidades ambientais "que violentan os seus dereitos laborais, así como o seu dereito á saúde e a unha vida digna".
Neste senso, o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, pon o acento na actuación dos tribunais médicos do INSS con estas persoas en situación de vulnerabilidade, que veñen de longos procesos de baixas e que se senten maltratadas "porque as tratan como documentos administrativos e como sospeitosas por estar enfermas".
Por iso, demandou do INSS un trato máis humano, que se dedique o tempo suficiente para realizar avaliacións rigorosas, que se recoñezan as doenzas e polo tanto que se priorice o dereito á saúde das persoas e a ter unha vida digna por enriba doutros criterios de carácter economicista, produtivista ou burocrático.