Concentración no Caffè Vecchio contra os abusos patronais e os reiterados incumprimentos
Traballadoras e traballadores de Caffè Vecchio concentráronse na tarde do martes para denunciar os abusos patronais continuados, as ameazas, as sancións inxustificadas e os reiterados impagos de salarios da empresa, que acumula un longo historial de incumprimentos laborais e condenas xudiciais, mesmo por agresións o persoal.
Ao berro de “prezos moi altos, pero nós non cobramos”, “patrón que paga mal, parásito social” ou “subsidios para os empresarios e nós cando cobramos", traballadores e traballadoras de Caffè Vecchio iniciaron mobilizacións en rexeitamento á situación laboral insoportábel que se vive nas cafeterías desta empresa e na defensa dun emprego en condicións dignas.
Os incumprimentos referidos polo persoal van dende os contratos fraudulentos cotizando e cobrando por menos horas das que realmente se traballan; salarios por debaixo do que marca o convenio colectivo; cambios no horario laboral, día a día se é preciso; atrasos habituais no pago das nóminas; ou mesmo secuestrar os cartos que lle ingresa a mutua para pagarlle aos traballadores e traballadoras que están en situación de baixa.
Pero nesta restra de agravios non faltan tampouco as ameazas verbais, as coaccións, as sancións arbitrarias para recortar soldos e obrigar o persoal a pedir a baixa voluntaria, para evitar que as traballadoras e os traballadores reclamen os seus dereitos e poder así manter unha situación de explotación laboral, chegando mesmo á rexistrarse casos de agresión física o persoal.
Para denunciar publicamente esta situación, as traballadoras e traballadores acordaron iniciar mobilizacións, pois a pesar das restricións na hostalería, a empresa mantén as cafeterías abertas para servizo de recollida. Porén, onte pola tarde pechou o establecemento da Praza de Lugo para evitar ter que enfrontar as lexítimas reivindicacións do persoal, que continuará coas protestas o venres 20 de novembro, ás 17:30h, no café da Rúa Real.
Embargo da caixa para afrontar ás débedas co persoal
O pasado ano o xulgado decretou orde de embargo da caixa e dos bens inmóbeis non imprescindíbeis do Vecchio situado no Marineda City para afrontar or atrasos salariais, a indemnización por despedimento e a indemnización por danos morais a un traballador e a unha traballadora.
A este situación chegouse polas denuncias que se viron na obriga de presentar a causa dos reiterados incumprimentos laborais e salariais e o acoso sufrido a mans das propietarias da empresa e, especialmente, polo administrador desta.
Máis grave aínda é que, no caso do traballador, este foi vítima dunha agresión por parte do xefe por reclamar o que lexitimamente lle corresponde: que se lle recoñeceran todas as horas de traballo reais. A raíz desta agresión abriuse proceso penal contra o administrador por delito de lesións e ameazas, do que houbo sentenza condenatoria do Xulgado de Instrución 6.