Concentración na residencia Abeiro Gold de Lugo para esixir a readmisión dunha traballadora
A CIG realizou este xoves unha concentración diante da residencia da terceira idade Abeiro Gold para esixir a readmisión dunha traballadora á que empresa despediu sen razóns obxectivas e tamén para dar unha resposta contundente "ao pulso que a empresa pretende botar á representación da CIG".
Segundo explica Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo, hai pouco celebráronse eleccións sindicais nesta residencia por primeira vez dende que abriu hai case seis anos e, a pesares das manobras da empresa para evitar que a central nacionalista obtivera representación, a CIG sacou maioría absoluta no comité, conseguindo 5 membros fronte aos 4 de UGT.
Pouco despois, a dirección comezou unha campaña contra a representación da CIG e o persoal máis reivindicativo até chegar a despedir a unha limpadora de maneira totalmente arbitraria. De feito, engade Antas, "entendemos que esta decisión é unha represalia contra a traballadora por ser a única do colectivo de limpadoras que durante a última asemblea defendeu os seus dereitos laborais e denunciou en público as irregularidades que se dan na residencia".
Diante desta decisión inxusta, a representación da CIG no comité acordou convocar un calendario de mobilizacións semanais (a UGT amosou a súa disconformidade e rexeitou participar) para esixir a readmisión da traballadora "mais tamén para dar unha resposta contundente á guerra aberta contra a central sindical por parte da dirección de Abeiro Gold", subliña Antas.
Irregulariedades no centro
Neste senso, engade que a empresa "pretende botarnos un pulso, cando ao que debería dedicar os seus esforzos é a corrixir moitas das irregularidades nas que está funcionando o centro". Así, referiuse ás irregularidades nas funcións, ao non goce dos días de asuntos propios ou á fraude na contratación, "xa que existe un elevadísimo número de contratos por circunstancias da produción que non se sosteñen". Ademais, subliñou que non hai causas obxectivas para prescindir desta traballadora cando "esta é a única residencia privada de toda a provincia de Lugo que non conta con servizo de limpeza na quenda de tarde-noite".
Por iso, advertiu, "a CIG denunciará ante a Inspección de Traballo os reiterados incumprimentos do convenio colectivo así como o fraude na contratación nesta empresa".
Carme Antas critica que a empresa pretenda ocultar estas situacións a través de campañas publicitarias, pagando por saír en suplementos de xornais da provincia nos que se destaca a calidade do servizo nesta empresa.
Concentración o vindeiro mércores
Así as cousas, as mobilizacións continuarán o mércores 21 de novembro con outra concentración diante das instalacións da residencia que Abeiro Gold ten na Avenida Infanta Elena, ás 12 horas.