Concentración en apoio a 5 traballadores xulgados por participar nun piquete na folga xeral de 2010
A CIG de Lugo desenvolveu este luns unha concentración en apoio a cinco traballadores que van ser xulgados pola súa participación nun piquete informativo durante a folga de setembro de 2010. Dende a central sindical enténdese que os feitos denunciados constitúen unha represalia sindical e responden a unha estratexia de criminalizar o labor dos piquetes, polo que se demanda o arquivo da causa.
O secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, cualificou de absolutamente desproporcionadas as penas que se solicitan, xa que para catro dos traballadores pídense penas de prisión por delito de atentado, mentres que a outro operario atribúeselle un delito de faltas.
Os feitos xulgados sucederon durante a noite da folga xeral do 29 de setembro de 2010, no marco dunha carga policial contra un piquete informativo. Un grupo de traballadores foi identificado e denunciado automaticamente pola policía. Agora, sete anos despois, cinco compañeiros van ser xulgados pola súa participación no piquete e por exercer o seu lexítimo dereito á folga.
A vista prevista para a mañá de onte quedou finalmente adiada até o próximo 13 de novembro.