Concentración diante da ONCE contra o despedimento dun traballador e na defensa dos dereitos laborais
A sección sindical da CIG desenvolveu unha concentración este xoves diante da delegación Territorial da ONCE na Coruña en demanda da readmisión dun traballador despedido e na defensa dos dereitos laborais do persoal desta entidade.
A representación da CIG explica que a dirección da ONCE despediu a un compañeiro que levaba máis de 10 anos exercendo a venda de cupón "e cumprindo fielmente con todos os requirimentos profesionais esixidos" para evitar así ter que transformar o seu contrato en indefinido, en conformidade ao estabelecido na nova reforma laboral.
Este traballador, engaden, substituíu a diferentes compañeiros e compañeiras, foi titular de moitos dos puntos de venda nos que dirección o destinou, acadando ademais as medias de vendas requiridas en cada punto e cumprindo de forma positiva con todas as normas estabelecidas no convenio colectivo e normas de aplicación.
"A pesar disto, despois de 10 anos ininterrompidos de ser un traballador exemplar, como queda acreditado no seu expediente laboral, en decembro do pasado ano a dirección decidiu non renovarlle unha vez máis o contrato, dado que coa nova reforma laboral deberían realizarlle un contrato indefinido", denuncian. Pero en vez de cumprir coa lexislación, a dirección da ONCE optou por extinguirlle o vínculo laboral.
A ONCE incumpre os seus principios sociais
Diante deste ataque aos dereitos laborais e ao emprego, a sección sindical da CIG acordou iniciar mobilizacións e presentar demanda xudicial, ao entender que non se trata dunha non renovación, senón dun despedimento improcedente. A este respecto, apuntan que a ONCE está incumprindo os seus propios principios sociais (a integración dos seus afiliados e afiliadas na sociedade e na vida laboral), xa que para unha integración efectiva "a primeira esixencia é ter un salario digno e iso conséguese cun posto de traballo".
Porén, advirten que a dirección da ONCE prefire promover o medre da rede complementaria CFC, antes que darlle emprego ás súas afiliadas e afiliados, tal e como se estabelece nos estatutos da organización.
Rexeitan esta política empresarial que atenta contra os dereitos do persoal, tendo en conta demais que a ONCE percibe axudas públicas das diferentes administracións e está exenta do pago das bases de cotización á Seguridade Social das persoas afiliadas á ONCE. "Non estamos a pedir ningún favor, estamos a pedir que cumpran coa lei e que respecten os dereitos dos afiliados e das afiliadas á ONCE", aseveran.
Para tratar de reconducir esta situación e pedir responsabilidades por este inxusto despedimento, a sección sindical da CIG tense dirixido ás diferentes estruturas da ONCE tanto en Galiza como en Madrid, mais sen obter solución. A tal punto que a dirección xeral da Madrid "ignorounos totalmente e nin sequera respondeu ás chamadas".
Por todo isto, acordaron convocar esta primeira concentración e denunciar publicamente "o que está a suceder na nosa organización cos seus traballadores e traballadoras, afiliados e afiliadas".