Concentración da sanidade galega en apoio á sanidade de Palestina o sábado 23 ás 12:00 horas
A CIG-Saúde chama ás traballadoras e traballadores da sanidade galega a dicir que o persoal da sanidade de Palestina non está só e a participar nas convocatorias de concentración das asociacións BDS Galiza, Asociación Galaico Árabe Jenin, Mar de Lumes e Galiza por Palestina. Unha mobilización que terá lugar este sábado 23 ás 12:00 h nas portas do Hospital Clínico Universitario de Compostela e do Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo.
Nestes actos de protesta en repulsa aos ataques a hospitais, centros de saúde, ambulancias, escolas médicas e persoal sanitario darase lectura a este comunicado:
Bombardear hospitais, centros de saúde e ambulancias é un crime de guerra que converte en vítimas ás persoas que tiñan que coidar e socorrer as vítimas do xenocidio contra o pobo palestino.
Condenamos as políticas de apartheid e violencia, tanto física como simbólica, psicolóxica e económica, do estado de Israel contra a poboación árabe da Palestina . Os ataques contra hospitais, centros de saúde e ambulancias son unha mostra desta violencia.
Segundo a OMS, Israel lanzou máis de 250 ataques contra hospitais, clínicas ou ambulancias tanto en Gaza como en Cisxordania. Ademais, Tedros Adhanom Ghebreyesus, director da Organización Mundial da Saúde, afirmou, a mediados de novembro, que "os corredores dos hospitais están abarrotados de feridos, enfermos ou moribundos; morgues ateigadas; operacións sen anestesia e decenas de miles de gazatíes desprazados e refuxiados nos hospitais". E a situación neste último mes non fixo máis que empeorar.
Como traballadoras e traballadores da sanidade non podemos quedar caladas fronte a esta barbarie, fronte a este xenocidio, polo que queremos mostrar o noso apoio e solidariedade co persoal da sanidade de Palestina. A Sanidade Galega coa Palestina Alto aos ataques contra hospitais e persoal sanitario!
O persoal da sanidade da Palestina non está só no mundo, a sanidade galega está con vós!
Galiza coa Palestina!
Palestina vencerá!