A CIG mobilízase por uns orzamentos para recuperar os dereitos e os salarios do persoal empregado público

Coincidindo coa votación no Parlamento das contas da Xunta para 2026 que cualifican de “insuficientes”
Nacional - 16 Dec 2025

Delegadas e delegados da Área Pública da CIG concentráronse esta mañá diante do Pazo do Hórreo para demandar uns orzamentos galegos que permitan recuperar os dereitos e os salarios do persoal empregado público e na defensa duns servizos de calidade. A protesta desenvolveuse coincidindo coa votación no Parlamento dos orzamentos da Xunta para 2026 e da chamada lei de acompañamento, que definiron como "insuficientes" no referido ao persoal empregado público.

O voceiro da Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde), Luís Carballo, apuntou que “estamos hoxe aquí para denunciar o empobrecemento do persoal empregado público e o deterioro continuo dos servizos públicos”. Criticou que a aposta pola privatización de servizos está a provocar un funcionamento deficiente da administración “e pon en risco a prestación dos servizos públicos que garanten igualdade, cohesión social e atención á cidadanía”.

Sobre as reivindicacións laborais, Carballo apuntou que esta lei de orzamentos xa debería incorporar unha partida para incluír nas pagas extraordinarias e retribuír durante as situacións de baixa médica determinados complementos (como o traballo a quendas ou a penosidade), tal e como recoñeceron algunhas recentes sentenzas xudiciais.

Xunto ao isto, demandou que se eliminen as limitacións á contratación de persoal substituto e interino -impostas nos anos máis duros da crise- para poder cubrir os servizos que necesitan persoal e garantir o seu adecuado funcionamento.

Xornada de 35 horas e recuperar o poder adquisitivo

Carballo indicou que a CIG presentou máis de 20 alegacións á lei de medidas fiscais e administrativas, "porque hai cuestións que xa tiñan que estar enriba da mesa e que estamos abordando na negociación colectiva pero que non teñen plasmación orzamentaria, como as xornada laboral de 35 horas ou a recuperación dos nove días de asuntos propios recortados na lei de medidas de 2012, que segue vixente".

Reivindicou tamén un complemento transitorio nas pagas extraordinarias "para poder empezar a recuperar o poder adquisitivo perdido dende 2010”, concursos de traslados permanentes e unha carreira profesional aberta xusta e equilibrada, entre outras reivindicacións.

No caso do ensino, que hoxe está secundado a cuarta xornada de folga, criticou que non hai un orzamento suficiente para a normalización da lingua galega, que se mantén o mesmo número de profesorado dos últimos anos, e que nin sequera se recupera o pago no verán ao profesorado interino que traballa cinco meses e medio.

Na sanidade pública lamentou que a Consellaría continúe sen dar resposta ás necesidades que levaron á convocatoria de tres xornadas de folga na Atención Primaria e non se negocie un verdadeiro plan de ordenación dos recursos humanos.

Cláusula de garantía salarial

Aproveitando a protesta ás portas do Parlamento, o representante da CIG-Área Pública lembrou que teñen un marcha a recollida de sinaturas para presentar, no mes de xaneiro, unha proposta non de lei para que a Xunta de Galiza inste ao Goberno do Estado a crear unha cláusula de garantía salarial para o persoal empregado público blindada por lei.

“Desta maneira, apuntou, quedaría garantido que cada ano os soldos se actualicen automaticamente, cando menos, na mesma contía que o IPC. Agardamos que o Parlamento avale está PNL e que a Xunta se dirixa con esta petición ao Goberno do Estado", concluíu.