Comité e empresa acordan ir a unha mediación para tentar desbloquear o conflito nas zonas verdes de Vigo
Transcorridos 12 días dende o inicio da folga indefinida, a UTE Zonas Verdes de Vigo (Acciona e Civis Global) saía do seu inmobilismo e esta mañá reuniuse coa representación do persoal que presta o servizo de mantemento de parques e xardíns. Aínda que na xuntanza non se acadaron avances de cara a pechar un acordo de convenio, si que se pactou ir a unha mediación para tentar desbloquear o conflito.
"En aras de facilitar unha solución e ante o fracaso da reunión de hoxe, valoramos a posibilidade de utilizar o mecanismo que recolle o propio convenio colectivo para a resolución de conflitos e tanto a empresa como o comité aceptamos instar unha mediación", explica a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández. Engade que a primeira xuntanza da mediación terá lugar o vindeiro luns, 29 de xuño, ás 09:00 horas, nas dependencias da Inspección de Traballo.
Fernández lamenta que a empresa concesionaria non movera ficha até cumpridos os 12 días de folga, a pesar das evidentes consecuencias que o seguimento maioritario do paro indefinido ten na prestación do servizo. A este respecto, critica a prepotencia amosada na xuntanza desta mañá por parte da dirección, "que retirou as ofertas que xa estaban enriba da mesa e ameazou con sancións os traballadores e traballadoras".
Fronte a isto, asevera, "agardamos que a empresa acuda á mediación con verdadeira vontade negociadora e coa intención de avanzar nun acordo que poña fin á folga. E para isto sabe que ten que trasladar unha proposta que garanta o poder adquisitivo dos traballadores e das traballadoras e non pretender adiar até 2027 calquera incremento económico".
A secretaria nacional da CIG-Servizos aclara que, malia a apertura desta mediación, a folga indefinida continúa adiante e o persoal seguirá coas mobilizacións diarias até acadar un convenio colectivo digno.
Doutra banda, Fernández denuncia a postura mantida polo Concello de Vigo neste conflito, malmetendo publicamente contra os traballadores e traballadoras en folga, ao tempo que se desentende das súas responsabilidades como titular do contrato e como administración pública. Fronte a isto, reclámalle ao Goberno local que interveña no conflito e traballe na busca dunha saída que garanta unhas condicións laborais e salariais xustas neste servizo municipal.