Comité de CESPA-Ferrovial de Pontevedra denuncia avarías na maquinaria e falta de cobertura das ausencias
Avarías continuadas na maquinaria e falta de cobertura do persoal de vacación e de baixa, son algunhas das deficiencias denunciadas polo comité de CESPA-Ferrovial (empresa encargada da recollida de lixo e limpeza viaria no Concello de Pontevedra). Estas carencias provocan un deterioro no servizo prestado e obrigan ao persoal a asumir sobrecarga de traballo, polo que dende o comité demandan a empresa que poña solucións de xeito inmediato.
Segundo explican, as avarías na maquinaria téñense convertido nun feito habitual, de xeito que a pesares de contar con tres varredoras e cinco lava-beirrarúas, só sae a rúa unha en cada servizo. Chegando incluso na semana do 19 ao 23 de xuño "a non traballar ningunha". No caso dos tres camións-cuba para baldear, dous levan preto de dous anos avariados, mentres que o terceiro, nos últimos tres meses, está saíndo de forma discontinua.
"A isto hai que sumar que que o lava-contedores leva anos con problemas, facendo que as súas saídas sexan moi esporádicas; cando o compromiso co Concello é lavar os recipientes cada 15 días en verán e unha vez ao mes no inverno", sinalan. Dende o comité engaden que traballar co lixo nestas condicións "non é saudábel".
As continuas avarías afectan á carga de traballo do persoal. "Na quenda de noite, as roturas impiden a saída de camións e vehículos acotío. Trabas que someten os traballadores e traballadoras a soportar máis presión para cumprir co seu labor, alongando a súa xornada e saltándose incluso o seu tempo de descanso", denuncian. Pola súa banda, "a empresa só alega falta de cartos para a renovación da maquinaria", sen dar solucións aos continuados problemas.
Falta de cobertura das ausencias
Xunto ás avarías, o comité advirte que tampouco se están a cubrir nin as baixas nin as vacacións, polo que a recollida selectiva durante a semana do 26 ao 30 de xuño só se fixo nas rúas máis céntricas, ao non se cubrir a ausencia do condutor habitual deses percorridos. "Houbo momentos, apuntan dende o comité, que na quenda da mañá só saíron dous operarios de limpeza dos oito asinados ao servizo, tendo que repartirse o traballo de toda a cidade".
Esta situación afecta tamén ao rural, onde "se presta un servizo en precario. A falla de persoal fai que non sexa continuada a recollida de papel, vidro e plástico". Mesmo, os contedores da Recollida Sólida Urbana "carecen de rodas froito da falla de mantemento, o que supón un sobreesforzo para os traballadores/as que teñen que desprazalos con carga acumulada. Sen esquecer os cheiros permanentes, porque non se limpan", subliñan.
Dende o comité demándase a CESPA-Ferrovial que resolva estas deficiencias e cumpra coas condicións do prego, para poder ofrecer así un servizo adecuado. neste senso, defenden a profesionalidade do persoal "que sae á rúa todos os días para facer o seu traballo do mellor xeito posíbel, a pesar dos escasos medios dos que dispón".