Comeza a rolda de contactos cos grupos parlamentarios pola parálise no convenio da sanidade privada da Coruña
Este venres comezou a rolda de contactos institucionais cos grupos parlamentarios para trasladar a problemática na negociación do convenio colectivo da sanidade privada da provincia da Coruña, bloqueado pola postura inmobilista da patronal. Ademais dos encontros cos grupos políticos, CIG, CCOO e UGT manteñen o calendario de mobilizacións na rúa cunha concentración o martes 22, ás 11:00 horas, diante do Parlamento.
O primeiro encontro da representación social tivo lugar esta mañá no Pazo do Hórreo co grupo de En Marea, xa está confirmada unha reunión co BNG para a próxima semana e falta por concretar a data de xuntanza co PSOE e co PP.
Na xuntanza de hoxe, a representación sindical expuxo a situación da negociación, as reivindicacións do persoal e fixo entrega tamén dun breve informe sobre a situación do sector da sanidade privada en Galiza.
Ademais dos encontros cos grupos políticos, as centrais sindicais manteñen o calendario de mobilizacións na rúa e o próximo martes, día 22, ás 11:00 horas, teñen convocada unha concentración diante do Parlamento de Galiza -previa á reunión co grupo parlamentar nacionalista-.
Intervención da Consellaría de Sanidade
CIG, CCOO e UGT apelan aos grupos políticos para que insten á Consellaría de Sanidade a intervir nesta situación, tendo en conta que a administración galega mantén concertos millonarios cun bo número de hospitais privados ao onde deriva os e as doentes da sanidade pública.
En concreto, en Galiza o 45% dos hospitais son privados e case o 80% teñen estabelecido algún tipo de concerto coa sanidade pública. Segundo os datos da propia Asociación de Hospitales de Galicia (AHOSGAL), o 47% da actividade dos seus centros asociados corresponde a derivacións do SERGAS.
Nestes datos non se inclúen outros grandes hospitais da provincia como o Juan Cardona ou o Oncolóxico de Galicia, ao non formar parte da asociación, "o que nos indica unha maior participación pública e uns datos de asistencia e ganancia maiores aínda", engaden.
Cómpre lembrar que os traballadores e traballadoras estanse mobilizando dende setembro e xa teñen realizado concentracións en Compostela, Ferrol e A Coruña. Nesta última cidade desenvolveron tres xornadas de mobilizacións consecutivas durante a pasada semana nos hospitais San Rafael, Modelo e Quirón.
Salarios brutos cativos
Porén, a patronal continúa sen moverse da súa oferta inicial (limitada a un incremento salarial miserento do 0.625%) e sen querer sequera asumir melloras de tipo social "que non lles supoñen custe económico".
Isto acontece a pesares dos millonarios beneficios que cada ano obteñen as grandes corporacións dedicadas ao lucrativo negocio da sanidade privada. Ganancias que contrastan cos salarios do persoal: as retribucións brutas para un/unha enfermeiro/a están nos 1.002€ mensuais, nos 841€ para un/unha auxiliar de enfermaría ou nos 755€ para un /unha pinche de cociña, limpador/a, etc.
Por iso aseveran que "as e os profesionais da sanidade privada merecemos e temos dereito a que os beneficios empresariais tamén repercutan nun incremento digno dos nosos salarios e nunha mellora das nosas condicións laborais".