O comercio de alimentación da Coruña, en loita contra a precariedade e os "salarios de miseria"
A CIG-Servizos deu inicio este venres á campaña de mobilizacións para denunciar a precariedade que sofren as traballadoras e traballadores do comercio de alimentación da Coruña, cuxas condicións laborais e salariais non se verán melloradas co convenio colectivo que acaba de asinar a patronal provincial con UGT e USO. A primeira protesta desenvolveuse en Arteixo, ás portas dun hipermercados Gadis.
Dende a CIG-Servizos lembran que cando se afrontou a negociación do convenio colectivo a previsión sindical era resolver ás dúas principais carencias: salario e xornada (que é das máis altas, 1.812 horas/ano) e, nomeadamente, a falta de control horario para detectar as horas extraordinarias que se fan, pero que as empresas nin cotizan nin pagan.
Esta situación foi denunciada pola CIG en numerosas ocasións tanto diante da Inspección de Traballo como publicamente a través de mobilizacións nas principais empresas do sector.
Porén, no convenio que veñen de asinar UGT e USO, a xornada fica como estaba (o persoal realiza xornadas de até 40 horas á semana) e nin sequera se negociou a implantación dos mecanismos de control, a pesar de existiren requirimentos varios da Inspección de Traballo e do TSXG -tras denuncia presentada pola CIG- obrigar a Gadisa e Froiz a iniciar o proceso para a súa implantación.
No referido ás condicións económicas, a CIG-Servizos lembra que este é un sector altamente feminizado, con salarios que, de media, andan arredor dos 900€. Nos catro anos de vixencia do convenio, non se estabelece a revisión do incremento en función do IPC real, o que suporá unha caída de poder adquisitivo. De feito, calculan unha perda de 100 euros só no primeiro ano de vixencia.
O convenio do comercio de alimentación regula as condicións de miles de traballadoras e traballadores da provincia: só nas dúas principais empresas, Gadisa e Froiz, traballan arredor de 3.500 persoas. "Non nos resignamos a aceptar que o convenio, no que traballan miles de persoas, sexa un foco de precarización e de condicións de traballo indignas. Queremos un convenio xusto e con dereitos!", aseverouse ao remate da concentración.