Colapsará España coa posible suba dos xuros?
Rajoy e o Feijoo son Presidentes de records, endebedaron as súas respectivas nacións ata límites históricos. Lembras aquilo da “prima de risco”? Quizais volva poñerse de moda, hoxe Mario Draghi resiste as presión de Alemaña para que Europa siga a senda marcada en EEUU e suba os xuros.
No ano 2017 España deberá facer fronte a vencementos de emisións anteriores de débeda pública (170.000 millóns de euros), o que sumado ao novo endebedamento fará que as emisións cheguen aos 220.017 millóns de euros. O 23 de xullo do 2012 a prima de risco chegaba aos 634.3 puntos, o máximo histórico, daquela a débeda do Estado situábase no 84% do PIB, con Rajoy a débeda pechou o 2016 no 99% do PIB.
No ano 2009 cando o Feijoo chegou á Presidencia, a débeda pública da Xunta reducírase despois do mandato do bipartito e estaba situada no 8.6% do PIB de Galiza. O seu mandato traduciuse cunha débeda pública do 19% do PIB, a maior da historia da Xunta de Galicia.
O Banco Central Europeo está mantendo os xuros baixos de xeito artificial, como un estímulo para as economías do sur de Europa. A Reserva Federal dos EEUU defende unha suba dos xuros, unha medida que dende Alemaña se reclama con forza ao BCE. Por agora Mario Draghi resiste, argumentando que o repunte da inflación é puntual, pero todos os expertos coinciden que máis cedo que tarde deberá retirar os estímulos e subirá os xuros. En Madrid xa saltaron as alarmas.
Unha posible suba dos tipos tería un grave impacto nas contas públicas españolas e galegas, encarecendo as emisións de débeda e incrementando a partida orzamentaria para facer fronte ao pagos dos xuros. A consecuencia sería superar máis o déficit marcado por Europa e para iso está o artigo 135 da Constitución Española pactado por Zapatero e Rajoy. Galiza como país dependente, sen capacidade fiscal e cun sistema de financiamento inxusto, sufriría o impacto.
O século XX é ilustrativo da utilización brutal do endebedamento dos países como parte dunha estratexia do capitalismo para someter aos pobos de América, Asia, África ou a Europa do Leste. A actuación sempre foi a mesma, os países recibiron empréstitos a tipos baixos adquirindo os gobernos débedas ilexítimas que se fixeron insostibles cando subiron os xuros, sendo sacrificados os pobos na pira funeraria do FMI.
Ted Malloch, o presunto embaixador de Trump en Europa, anticipou a caída do euro. Quizais dende a administración americana teñen clara a estratexia para axeonllar a Europa. De primeiras, Rajoy e o Feijoo xa nos puxeron a soga ao pescozo.
[17 de febreiro de 2017]