Clece despide catro traballadoras de limpeza dunha residencia e dille ao resto de persoal que "fagan o que poidan"
O pasado 1 de xuño Samaín Servizos A Comunidade facíase coa xestión da residencia de maiores Concepción Arenal da Coruña, un centro de titularidade pública pero de xestión privada. A primeira medida da empresa (que pertence ao Grupo Clece) foi despedir a catro traballadoras do servizo de limpeza e amortizar outra praza ao non cubrir unha xubilación. Dende entón o centro sofre graves carencias de limpeza, que se suman ás problemáticas pola falta de persoal de enfermería suficiente que xa veñen arrastrando dende hai tempo.
Este venres, traballadoras e traballadores deste centro de atención ás persoas maiores concentráronse para esixir a readmisión das compañeiras despedidas, un maior control da xestión por parte da administración pública e que se reforcen os cadros de persoal.
Sete traballadoras para un centro con 152 residentes
“Nos mellores días, hai sete persoas na quenda de mañá para limpar seis plantas, atender o servizo de lavandería e facer o tren de lavado da cociña, de maneira que só dúas traballadoras se dedican a limpar as plantas, tres están en lavandería e unha na cociña”, explica Lidia Arguiz, delegada de prevención na residencia, quen advirte das precarias condicións hixiénico-sanitarias na que se atopan as instalacións nas que residen 152 persoas.
Aínda que o convenio colectivo de residencias privadas recolle non seu articulado o dereito de subrogación cando hai un cambio de concesionaria, Samaín procedeu a comunicar de maneira fulminante que non contaba con catro traballadoras ao entender que non tiñan dereito por levar contratadas menos de seis meses.
“Pero isto non é así, o problema, estas compañeiras levan anos traballando neste centro, o que pasa é que DomusVi, a anterior concesionaria, estívolles encadeando un contrato temporal tras outro. E cando por fin as fai indefinidas, cambia a empresa e bótanas á rúa”, denuncia.
Foi a avogada de Clece a que comunicou á dirección do centro que non contaban con estas traballadoras, mais sen achegar datos xustificativos da non subrogación, nin carta de despedimento. Clece deixa así o servizo de limpeza en condicións precarísimas e ademais nunha total indefensión ás afectadas, xa que ao non ter carta de despedimento nin sequera poden solicitar a prestación por desemprego.
“En todos os anos que levo aquí, nunca vin tan mal o centro, as e os residentes van almorzar con restos de comida das ceas porque non hai persoal suficiente para limpar toda a residencia como é debido”, alerta Arguiz. Neste senso, subliña que antes do recorte, o cadro de persoal xa ía moi axustado para garantir o correcto cumprimento dos protocolos de limpeza e desinfección e atender o servizo de lavandería.
Agora, a instrución de Clece ao persoal "é que fagan o que poidan", basicamente retirar o lixo para que non se acumule nas estancias comúns e unha limpeza superficial do comedor, “porque non dá tempo a nada máis. Esta situación é insostíbel, nin as traballadoras merecen ser despedidas nin as e os residentes merecen este trato indigno e vivir nestas condicións”, lamenta.
Aforrar custes a conta de recortar persoal e calidade asistencial
A representación da CIG critica estas prácticas de aforro empresariais a conta de reducir emprego e calidade no servizo prestado e reclama da Consellaría que asuma as súas obrigas e realice os labores de inspección que lle son propios, pois esta situación reviste maior gravidade por canto se trata dun centro de titularidade pública e que estamos a falar de persoas sensíbeis.
Neste senso, critica que as ratios de persoal non sexan extensivas tamén ao persoal dos servizos non sanitarios, como limpeza ou mantemento, xa que realizan unha labor fundamental para o bo funcionamento das residencias e para poder ofrecer unha estancia ás persoas usuarias en condicións dignas.
“Se a empresa quere facer unha reestruturación do servizo e unha análise das necesidades, non nos opomos, pero o que non pode é acometer unha reestruturación ás bravas, despedindo traballadoras, sobrecargando ao resto de persoal e tendo as instalacións sucias, aproveitándose de que as familias non acceden a estas áreas”, asevera. Este recorte de efectivos supón un sobreesforzo para as traballadoras que quedan e provoca que non se estean a conceder días de libre disposicións, permisos etc. sobrecargando así aínda máis as traballadoras.
Falta de persoal de enfermería
O recorte no servizo de limpeza súmase aos problemas que a residencia de Matogrande leva anos arrastrando pola falta de persoal de enfermería, chegando ao punto de que hai quendas nas que non está ningunha profesional no centro -incluso dúas quendas seguidas-, cando a propia empresa se comprometeu a ter unha enfermeira/o presencial 24 horas, que é o que establece a normativa de aplicación.
Este déficit de persoal xa foi comunicado en numerosas ocasións á Consellaría de Política Social e denunciada na Inspección de Traballo “pero ninguén nos fai caso”, a pesar do risco que isto conleva para as persoas residentes e a sobrecarga psicolóxica que reporta para as traballadoras e traballadores.
Diante deste desleixo, a CIG reclama a readmisión inmediata das catro traballadoras, facendo efectivo o seu dereito de subrogación, que se cubra, cando menos, a praza de limpeza amortizada tras a xubilación da persoa que a ocupaba e un reforzo de persoal en todas as áreas, nomeadamente enfermería, de maneira que se garantan unhas condición dignas de traballo e unha atención de calidade para todas as usuarias e usuarios.