Cinco leccións vitais da COVID-19 para previr unha crise climática

Marc Vandepitte -

Durante anos dixéronnos que vivimos máis aló das nosas posibilidades, que non hai diñeiro. A crise da COVID-19 acabou con ese mito. De súpeto si parecía haber diñeiro e non pouco. Durante o último ano e medio, os gobernos repartiron miles de millóns de euros coma se fosen caramelos. Todo o sistema monetario e financeiro se centrou en apoiar a economía e preservar o poder adquisitivo

  1. Escoitar os científicos

 Desde o surto de SARS, outro coronavirus, en 2002 os científicos advertíronnos repetidamente acerca dunha nova pandemia. En 2016 a Organización Mundial da Saúde sinalou os coronavirus entre as oito principais ameazas virais, que requiren máis investigación.

 Non houbo ningunha investigación porque non había expectativas de ganancias para as grandes farmacéuticas nese momento. Como resultado, en 2020 non estabamos nada preparados para a chegada do SARS-CoV-2, o coronavirus máis recente.

 Mesmo cando comezou a pandemia, apenas se fixo caso aos virólogos. Prognosticaran que a propagación sería exponencial e que se necesitaba unha acción urxente. Malia que só unha pequena minoría de persoas infectadas enferma de gravidade, a capacidade existente das camas da UCI podería non ser suficiente[i]. Desafortunadamente, os virólogos tiñan razón.

 A campaña de vacinación foi e está sendo socavada polas maiores parvadas anticientíficas. Propáganse principalmente desde a extrema dereita. Con frecuencia, faise dun xeito moi sofisticado e dedícanselle moitos recursos financeiros.

 Para finais deste ano contaremos máis de 12 millóns de mortes por COVID-19[ii]. Moitas destas poderíanse ter evitado. “Se hai algo que demostrou a pandemia -segundo o Financial Times-, é o perigo de ignorar as advertencias dos expertos”.

 Nos últimos anos, os climatólogos estivéronnos advertindo das consecuencias imprevisíbeis e irreparábeis se non reducimos as emisións de forma rápida e drástica. Esas graves advertencias aínda non se traducen en medidas acaídas. Pola contra, segundo a ONU, as emisións de carbono aumentarán nun 16% para 2030 en lugar de reducirse á metade. Esta redución á metade é necesaria para manter o quecemento global por baixo do límite acordado de 1,5 graos. A ONU advirte dun quecemento de 2,7 graos conforme aos obxectivos nacionais que agora se fixaron.

Lección unha: se ignoramos as advertencias dos expertos, pagarémolo caro.

  1. Facer fronte á gravidade e á magnitude do que se vén enriba

 Para gran parte da poboación mundial o impacto da crise COVID-19 foi significativo: corentena forzada, toques de queda, peche de escolas e sectores económicos enteiros, colapso de hospitais, etc.

 Iso é bastante grave, mais só un anticipo do que pode vir coa mudanza climática. A pandemia é temporal, mentres que os efectos do quecemento global serán permanentes. A crise climática é a maior ameaza a longo prazo para nosa saúde, pero sen opción a vacina ou medicamento.

 Podería alterar toda a orde mundial e causar danos irreversíbeis ao planeta. As consecuencias das condicións climáticas extremas xa son devastadoras e non farán senón aumentar. A pandemia custounos uns 16 billóns de dólares. A factura pola crise climática podería ascender a máis de 500 billóns de dólares.

 Até hai pouco algunhas persoas pensaban que a súa rexión se salvaría do quecemento global, mais os incendios forestais extremos e os desastres pola choiva do verán pasado esnaquizaron esta ilusión. Para 2060 ao redor de 1.400 millóns de persoas poderían ser refuxiadas climáticas e para 2100 unha quinta parte da poboación mundial podería verse desprazada como resultado do aumento do nivel do mar.

 A segunda lección, relacionada coa primeira, é que debemos facer fronte á gravidade e á magnitude do que nos vén enriba.

  1. O diñeiro non é problema

 Para salvar o mundo da degradación climática necesítase unha transición enerxética completa que sexa moito maior e máis rápida que todas as anteriores na historia mundial. Nos vindeiros 30 a 50 anos o 90% ou máis da enerxía mundial que agora se produce a partir de combustíbeis fósiles terá que provir de fontes de enerxía renovábeis, enerxía nuclear[iii] ou plantas de combustíbeis fósiles que enterren os seus refugallos en lugar de emitilos.

 Isto significa que a curto prazo se necesita nada menos que unha transformación completa da nosa economía e sociedade para previr unha crise climática.

 Imposíbel e inalcanzábel? Durante anos dixéronnos que vivimos máis aló das nosas posibilidades, que non hai diñeiro. A atención médica era demasiado cara, as prestacións por desemprego demasiado xenerosas, os salarios demasiado altos e simplemente non había diñeiro para asuntos sociais ou culturais. O déficit e as débedas do goberno tiñan que manterse o máis baixos posíbel e, polo tanto, había continuamente recortes nos orzamentos.

 A crise da COVID-19 acabou con ese mito. De súpeto si parecía haber diñeiro e non pouco. Durante o último ano e medio, os gobernos repartiron miles de millóns de euros coma se fosen caramelos. Todo o sistema monetario e financeiro se centrou en apoiar a economía e preservar o poder adquisitivo.

 En total, os gobernos de todo o mundo gastaron 16 billóns de dólares en medidas de apoio. Iso é 105 veces máis que a axuda anual ao desenvolvemento. “Se en 2020 de súpeto se dispón de miles de miles de millóns para salvar a economía e as grandes empresas, por que ía ser imposíbel salvar o planeta?”, pregunta atinadamente Michel Collon[iv].

 Segundo a Comisión de Transicións Enerxéticas, un prestixioso grupo de expertos sobre o quecemento global, necesítase menos do 1% do PIB mundial ao ano para ser neutral en carbono a mediados deste século. É unha cantidade insignificante para salvar o mundo dos cambios climáticos catastróficos. Para termos unha idea, en 2020 estimouse que os paquetes de estímulo[v] nos países ricos representaron máis do 30% do PIB.

 Lección tres: A sociedade debe responder á crise climática coa mesma urxencia e á mesma escala mundial.

  1. Se se deixa nas mans do mercado, non se logrará

 O Estado é ineficiente e o libre mercado resólveo todo: ese foi o dogma dos últimos corenta anos. En consecuencia, o mellor que se podía facer era privatizar e desregular ao máximo.

 Así e todo, durante a crise do coronavirus o mercado fallou por completo. Isto saíu á luz dolorosamente ao comezo da pandemia debido á escaseza de máscaras e outros equipos de protección. Afortunadamente, China puido entón acabar con moitas escasezas graves. Por segunda vez viuse de forma dramática na lenta produción das vacinas na fase inicial e logo na escandalosa distribución das vacinas en todo o mundo.

 Unha vez máis quedou demostrado que o sector privado e as forzas do mercado son incapaces de maximizar o potencial de produción existente e priorizar as necesidades máis urxentes. Moitos servizos simplemente requiren investimentos a gran escala que non son rendíbeis se se quere que sexan accesíbeis para todos[vi].

 Fronte ao fracaso do mercado, durante a pandemia asistimos a un regreso dramático e unha rehabilitación das autoridades públicas. Quedou claro para todos que só o Estado pode xestionar e superar unha crise de tal magnitude.

 Nacionalizáronse total ou parcialmente sen problemas importantes sectores da economía. Segundo o Wall Street Journal, os estímulos económicos en Estados Unidos foron “o paso maior cara a unha economía de planificación centralizada que deu Estados Unidos”.

 Até hoxe, deixouse en gran medida ás forzas do mercado abordar o quecemento global: comercio de emisións, impostos ao carbono, desenvolvemento de tecnoloxía verde baseada nas forzas do mercado, etc. Está claro que dese xeito non o lograremos.

 Doutra banda, unha enerxía verde e barata suficiente debe converterse nun servizo público, do mesmo xeito que a infraestrutura e a tecnoloxía baixas en carbono necesarias para proporcionar esa enerxía. No pasado os gobernos xa o fixeron para outros servizos públicos como defensa, saúde pública, educación, investigación científica...

 Stern Review, un voluminoso expediente encargado polo goberno británico, dío sen reviravoltas: “O cambio climático presenta un desafío único para a economía: é o maior exemplo de fracaso do mercado que endexamais imos ver”.

 Lección catro: para superar a crise climática temos que romper co fundamentalismo do mercado, do mesmo xeito que na crise do coronavirus.

  1. “Nós primeiro” é ser miope

 A campaña de vacinación caracterízase por un escandaloso acaparamento por parte dos países ricos a consecuencia do cal as persoas dos países do Sur se vacinan pouco ou demasiado tarde. Segundo a ONU, a data de 30 de agosto os 30 países máis pobres vacinaran só o 2% da súa poboación, en comparanza co 57% nos países de ingresos altos.

 A nosa alta cobertura de vacinación pode facernos sentir seguros, pero é unha ilusión. As persoas non vacinadas son unha fonte de novas variantes. As rexións onde a taxa de vacinación é baixa poden converterse doadamente en novos focos de incendio porque o virus ten moitos hóspedes vulnerábeis aos que atacar. Canto máis tempo permanezan as persoas sen vacinar, é máis probábel que se desenvolvan novas variantes da covid que sexan resistentes ás vacinas.

 Tedros, o secretario xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), denuncia que o chauvinismo das vacinas é miope: “Ninguén está a salvo até que todos están a salvo”.

 En calquera caso, non funcionará a actitude de “nós primeiro”. Para superar a pandemia é necesaria a cooperación e a coordinación internacionais. “Só a aplicación dos principios de universalidade e xustiza será suficiente para permitir que o mundo saia xunto desta crise”, segundo un informe da OMS.

 Do mesmo xeito que o coronavirus, o quecemento global pasa olimpicamente das fronteiras nacionais, pero a situación é aínda máis grave nese aspecto para os países do Sur.

 Os países máis pobres son os que menos contribuíron ao cambio climático. Por exemplo, durante os últimos 25 anos case o 50% das emisións globais foron causadas polo 10% máis rico da poboación mundial. Emitiron 18 veces máis por persoa que o 50% máis pobre.

 Porén, este 50% máis pobre é quen sufrirá as peores consecuencias. Un estudo recente do Banco Mundial estima que para 2050 polo menos 140 millóns de persoas de África, Asia e América Latina abandonarán o seu país como resultado do estrés climático.

 E eses son aínda cálculos conservadores. Se a finais deste século é posíbel que unha quinta parte da poboación mundial sexa desprazada polo clima, centos de millóns deles tentarán chegar a Europa.

 Necesítanse polo menos dúas cousas para previr un desastre climático. Como ocorre coa pandemia, a cooperación internacional é indispensábel. Esa cooperación é certamente necesaria entre os dous maiores emisores: China e Estados Unidos. O último que necesitamos agora é impulsar unha nova Guerra Fría contra China.

 En segundo lugar, os países máis responsábeis das emisións deben asumir a súa responsabilidade histórica, o cal significa que teñen que facer o maior esforzo e tamén poñer os recursos a disposición dos países do Sur. A próxima cimeira de Glasgow debería ofrecer máis clareza respecto diso. En calquera caso, aínda queda moito traballo por facer.

 Se nin sequera logramos vacinar o mundo enteiro rapidamente, como poderemos resolver a crise climática?

 A lección cinco é obvia: deixar de lado o chauvinismo e apostar pola solidariedade e o internacionalismo.

_____________________________________________________________________________

Notas:

[i] Mann M, The New Climate War, New York 2021, p. 239.

[ii] As cifras saen do Institute for Health Metrics and Evaluation (IMHE) da Universidade de Washington. Son da mesma orde que as estimacións de The Economist. As cifras oficiais en moitos países son subestimacións serias das cifras de falecementos por COVID-19.

[iii] A enerxía nuclear non é ideal porque é moi cara, existe sempre o risco dun accidente nuclear e tamén está o problema dos refugallos que se teñen que gardar durante séculos.

[iv] Collon M., Planète malade. 7 leçons du Covid. Tome 1 : Enquête, Bruxelas 2020, p. 227.

[v] Trátase tanto de medidas fiscais (apoio directo do estado ás empresas, familias etc.) como de medidas monetarias (bancos centrais que inxectan diñeiro nos mercados financeiros).

[v] Klein N., On Fire. The Burning Case for a Green New Deal, Londres 2019, p. 81.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 21 de outubro de 2021

Volver