CIG-Xustiza pide que se realicen medicións de gas radon nas dependencias xudiciais
O sector de Xustiza da CIG-Administración vén de solicitar a convocatoria urxente da Mesa de Saúde Laboral -dependente da Dirección Xeral de Xustiza- a fin de que se fixe unha programación cos gabinetes de prevención para levar a cabo medicións de Radon nas distintas dependencias xudiciais da provincia de Pontevedra.
Dende a CIG-Xustiza trasladan a preocupación existente pola aparición de determinados casos de cancro de pulmón que poderían estar relacionados coa existencia de Radon nas dependencias xudiciais. Dado o pequeno custe que supón realizar as polo Laboratorio de Radon de Galiza (96€ por cada dous medidores pasivos), "entendemos que non se pode adiar máis a medida do nivel de dito gas".
No caso da provincia de Pontevedra, a central considera que medicións deberían comezarse nas dependencias do Xulgado de 1ª Instancia nº 14 de Vigo e tamén no semisoto das Dependencias da Audiencia Provincial de Pontevedra, "xa que as medidas a levar a cabo para un correcto tratamento requiren nalgúns casos investimentos que, na Función Pública, sempre están supeditados aos orzamentos anuais que empezaron a xestionarse para o 2020 o pasado 6 de xuño de 2019".
Por iso, engaden, canto antes tome a Administración autonómica conciencia deste problema "antes poderán ser atalladas as consecuencias que poden ter para a saúde das traballadoras e dos traballadores".
Normativa de obrigado cumprimento
Neste senso, CIG-Xustiza lembra que a instrución IS-33 do Consello de Seguridade Nuclear sobre criterios radiolóxicos para a protección fronte á exposición á radiación natural establece a obriga de realizar estudos da concentración de Radon nos lugares de traballo subterráneos e non subterráneos, nas áreas identificadas polos seus valores elevados deste gas.
Seguindo os criterios desta instrución e tendo en conta que case todo o territorio de Galiza está afectado pola elevada concentración de dito gas, "é polo que resulta necesario implementar un plano de realización de analíticas dos diversos edificios e dependencias xudiciais, empezando polos situados nos sotos, semisotos, baixos e primeiros andares".
Xunto a isto, apuntan a outra norma de obrigado cumprimento como a Directiva 2013/59/EURATOM do Consello, de 5 de decembro de 2013, pola que se establecen as normas de seguridade básicas para a protección contra os perigos derivados da exposición a radiacións ionizantes. E concretamente, no artigo 103 e no Anexo XVIII, xa se establecen as pautas a seguir no tratamento deste gas, ademais de fixarse que o nivel máximo de Radón debería de estar nos 300 Bq/m³.