CIG-Xustiza denuncia a falta de persoal e medios nos xulgados de Ortigueira
O sector de Xustiza da CIG denuncia o estado de abandono no que se encontra desde hai moito tempo o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Único de Ortigueira. Por unha banda, explican, sofre escaseza de persoal, "polo que os expedientes desbordan as mesas. Unha delas estivo totalmente paralizada durante meses por non contar con ninguén". Advirten que, malia ser conscientes desta falta de persoal, na Dirección Xeral de Xustiza non se puxo solución.
Engade Tatiana Maseda, delegada da CIG-Xustiza, que a carga de traballo é tan elevada neste partido xudicial "que se están a incoar agora, no mes de maio, atestados do mes de agosto de 2022". Ademais, o auxilio xudicial non pode realizar dilixencias fóra da oficina xa que se encarga de levar o Rexistro Civil da vila, polo que non hai ninguén en Ortigueira para poder notificar as resolucións nos domicilios. Deste xeito, a única opción que lle queda ao persoal do xulgado para notificar, cando as cartas veñen de volta, son os edictos.
"É evidente a clara necesidade dunha persoa máis nesa oficina xudicial, pero a DXX parece facer caso omiso ao escrito presentado no seu momento pola LAX do xulgado para reclamar ese aumento de persoal".
Por outra banda, neste xulgado converteuse en habitual que as aplicacións que utilizan as/os traballadores/as, como Minerva, "vaian máis lentas que noutros sitios, pero a gota que rebordou o vaso, foi cando o xoves de semana santa se encontraba de garda o xulgado cun detido por violencia machista e, tras producirse unha caída da liña de teléfono, a oficina xudicial quedou sen acceso a internet, quedando tamén inutilizada a impresora".
Sendo un día festivo, o xulgado non recibiu asistencia de ninguén tipo por parte da Dirección Xeral, polo que "a impresora acabouna arranxando un familiar do persoal do xulgado e os autos e demais resolucións tiveron que facelas no programa informático de edición de texto xa que era o único co que contaban para poder traballar".
Para a CIG-Xustiza esta situación é gravísima e consideran intolerábel que en pleno 2023 "sucedan cousas como estas nos xulgados. Con situacións así a administración deixa claro que a xustiza en Galiza nin é eficaz nin se lle dá celeridade, máis ben todo o contrario".
A este respecto, denuncian que as vilas seguen sendo as grandes esquecidas por parte da DXX "e a cidadanía de Ortigueira ten o mesmo dereito a recibir unha xustiza de calidade que no resto de cidades do País".