CIG-TIC alerta da inexistencia de plans e/ou protocolos para a reincorporación ao traballo presencial no sector

Denuncia ademais a absoluta desregulación do teletraballo

Nacional -

Após estes meses de confinamento provocados pola crise sanitaria da Covid-19, seguidos pola “nova normalidade” actual, as empresas TIC, todas con teletraballo en maior ou menor medida, están a valorar a volta aos centros de traballo dos traballadores e traballadoras.

A data de volta ao traballo presencial na maioría das que xa se están a organizar con vistas ao retorno é a comezos do mes de setembro, aproveitando o parón habitual do mes de agosto na industria. Das empresas consultadas pola CIG TIC, aproximadamente a metade fala desa data, algunha outra indica que até decembro non se volverá aos seus centros de traballo e outra parte importante está simplemente a agardar acontecementos sen concretar.

Como é habitual no sector, no momento en que unha empresa volva ao traballo presencial as demais seguirán o mesmo camiño, polo que cremos que en setembro estaremos organizando xa a incorporación física nos lugares de traballo.

Por iso a CIG-TIC ve con preocupación a inexistencia de plans e/ou protocolos para a reincorporación no sector. “Apenas en 2 de cada 20 empresas que coñecemos teñen documentos ao respecto, polo que o grado de improvisación vai ser, insistimos, moi preocupante. Máxime cando estamos a falar da saúde das persoas, con novos contaxios e o posible colapso, de novo, do sistema sanitario”, advirten.

Absoluta desregulación do teletraballo

Outro motivo de preocupación, de confirmarse o mes de setembro para o remate do traballo a distancia, é a absoluta desregulación do teletraballo. A CIG-TIC lembra que xa avisou nun comunicado anterior sobre o Anteproxecto de Lei do Traballo a distancia que estaba a ser desenvolto polo Ministerio de Traballo que “moito nos tememos que certos titulares de prensa indican que se vai dar marcha atrás en medidas que xa viñan reflectidas neste anteproxecto”.

A este respecto subliñan que finalmente así ocorreu e que o anteproxecto foi, na práctica, “finiquitado” e deixada a regulación do teletraballo ao mal chamado diálogo social por dictame do CES[2], que menciona o Acordo Marco Europeo sobre Teletraballo, do ano 2002 e revisado no 2009. “Sinceiramente, despois de meses obrigados a teletraballar, estando prácticamente o 95% do sector traballando a distancia, que a norma que regule a nosa relación coa empresa teña uns 18 anos non nos parece serio”, afirman.

Neste sentido, lembran que a CIG e o sindicato vasco ELA emitiron no CES un voto particular con aportacións ao texto sobre este dictame, insistinto en que o diálogo social impide a participación real doutras organizacións e sindicatos na regulación deste importante anteproxecto.

Por iso conclúen que “entre a improvisación das empresas para a volta e a deixadez na regulación do teletraballo pola parada no Anteproxecto de lei, consideramos que a situación actual, máis que unha oportunidade como se nos quere vender, é moi preocupante e afecta negativamente á clase traballadora galega”.

 

 

 

Volver