CIG-Servizos solicita reunión coa Consellaría para tratar a crítica situación do persoal do Hotel Almirante
A CIG-Servizos solicitou reunión coa directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, para tratar o conflito existente no “Hotel Almirante”, xerenciado pola empresa Carrís Hoteles. O persoal do hotel atópase afectado na súa totalidade por un Expediente de Regulación Temporal de Emprego que comezou en abril deste ano e que ten unha duración prevista dun ano, até abril de 2023.
O estabelecemento leva pechado dende a declaración do estado de alarma no mes de marzo de 2020, agás por un pequeno período de tempo no que traballou como servizo esencial, sendo este un dos 49 hoteis do país que abriron por tal causa durante a pandemia.
As negociacións coa parte social do actual expediente iniciáronse cando a empresa xa non se podía acoller máis tempo a o ERTE Covid por finalización das prórrogas aprobadas polo Goberno do Estado. "Isto significa, explica Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol, que a maioría do persoal leva máis de dous anos afectado por sendos ERTE, os cales fixeron esgotar as prestacións por desemprego que tiñan acumuladas, acolléndose a subsidios non contributivos moi escasos que apenas dan para vivir".
O obxectivo da reunión coa dirección xeral, dependente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, é poñer en coñecemento do organismo "as formas antiobreiras de actuación desta empresa, que ten negocios e 'amigos' na Xunta de Galiza do PP, e solicitar a mediación da directora en tal conflito para tratar de paliar ao máximo a dantesca situación vivida nos últimos anos polo persoal, a quen, ademais, a empresa non fai máis que dar a calada por resposta".