CIG-Servizos mobilízase en cidades e vilas porque “sen persoal non hai comercio e sen condicións dignas non hai futuro”

Chama ao persoal a secundar a folga do 15 de agosto
Nacional - 07 Ago 2026

Vigo, A Coruña, Lugo, Vilagarcía, Santiago e Ourense acolleron concentracións de traballadores e traballadoras do comercio baixo o lema "Sen persoal non hai comercio e sen condicións dignas non hai futuro". Mobilizacións que preceden á xornada de folga convocada no comercio galego para o vindeiro 15 de agosto.

A CIG-Servizos denuncia a precariedade estrutural que padece o sector e reclama un cambio nas condicións laborais das persoas traballadoras. Nese sentido, advirte que as transformacións experimentadas polo sector, entre elas o auxe do comercio electrónico, están a ser aproveitadas por moitas empresas para recortar persoal e incrementar a carga de traballo sobre os equipos existentes, deteriorando progresivamente as condicións laborais.

Lembra ademais que se trata dun sector fortemente feminizado, no que predominan as contratacións a tempo parcial e onde persisten importantes dificultades para compatibilizar a vida laboral e familiar. Neste sentido, denuncia a imposición de quendas partidas e do traballo en domingos e festivos autorizados pola Xunta de Galiza sen compensacións, así como o incumprimento, en numerosas ocasións, dos descansos diarios e semanais establecidos na normativa laboral.

Deterioración da saúde laboral

A CIG-Servizos alerta de que a redución continuada dos cadros de persoal, a falta de cobertura das baixas, vacacións e licenzas e a intensificación dos ritmos de traballo están a provocar un importante deterioro da saúde das persoas traballadoras. Unha situación que se traduce nun aumento das incapacidades temporais relacionadas con doenzas músculo-esqueléticas, estrés e ansiedade.

Critica que boa parte dos convenios do sector manteñan salarios que apenas superan o Salario Mínimo Interprofesional, mentres as empresas continúan rexistrando importantes beneficios económicos.

Canda isto denuncia que considera unha ofensiva contra a negociación colectiva galega mediante a apertura de mesas estatais en Madrid que reducen dereitos consolidados nos convenios provinciais e limitan a capacidade de negociación propia de Galiza. Como exemplos desta dinámica cita o convenio estatal de ARTE e a negociación do Acordo Marco da Distribución Alimentaria.

Demanda de melloras laborais

Para reverter esta situación, a CIG-Servizos reclama o reforzo dos cadros de persoal, a conversión das xornadas parciais en completas, medidas efectivas para favorecer a conciliación e garantir os descansos, melloras salariais acordes coa responsabilidade, a polivalencia e a dispoñibilidade que asume o persoal, así como a creación dunha mesa de negociación para un Acordo Marco Galego do Comercio que blinde a negociación colectiva provincial fronte aos procesos de estatalización.

Por iso, chama ao conxunto das traballadoras e traballadores do sector a secundar a folga convocada para o vindeiro 15 de agosto en defensa dunhas condicións laborais dignas.