CIG-Servizos mobilízase para esixirlle á patronal de alimentación da Coruña que sente negociar o convenio
A CIG-Servizos realizou este venres unha concentración diante da mítica tenda de Froiz na Praza do Toural de Santiago para demandar da patronal do comercio de alimentación que sente negociar o novo convenio colectivo do sector na provincia da Coruña, que caducou a 31 de decembro de 2019. "Levamos sete meses sen convenio e as empresas non parecen ter vontade de constituír a mesa negociadora", alertouse.
A secretaria nacional da CIG-Servizos, Tránsi Fernández, explica que a principios de ano houbo unha primeira xuntanza coa patronal "pero dende entón non quixeron volver sentar". A central sindical púxose en contacto coa representación das empresas para fixar data de reunión e constituír a mesa de negociación "mais non están polo labor".
Fernández sinala que a protesta deste venres enmárcase na campaña que a CIG-Servizos está a facer para activar a negociación dos convenios do comercio de alimentación da Coruña e Pontevedra, "que son dous convenios importantes tendo en conta o volume de traballadoras e traballadores ao que afecta". No caso de Pontevedra, a mesa constituíuse esta semana, pero non así no da Coruña polo que xa adiantou que a CIG convocará novas mobilizacións nas vindeiras semanas.
Froiz suspendeu as xornadas intensivas
A decisión de levar a protesta a unha tenda de Froiz, explica Fernández, tomouse tamén en resposta á decisión da empresa de suspender as xornadas intensivas que establecera ao inicio do estado de alarma e que teñen facilitado a conciliación do cadro de persoal, fundamentalmente formado por mulleres.
Neste senso, lembra que Froiz é a única empresa do sector que non ten ningunha traballadora ou traballador contratado a tempo completo con xornada continua de luns a sábado, malia que nestes meses "quedou demostrado que é o mellor sistema para organizar o traballo nos centros, alén de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral".
A implantación da xornada intensiva é unha loita histórica da sección sindical da CIG en Froiz, polo que se lle demandou que unha vez establecida, se mantivera no tempo. Porén, a empresa non atendeu a petición sindical e suspendeu este tipo de xornada a finais de xuño, o que causou un profundo malestar entre o persoal. Para a sección sindical esta decisión de Froiz demostra "unha total falta de consideración cos seus traballadores e traballadoras".
Exceso de xornada xeneralizado no sector
A maiores, coa concentración quérese denunciar o exceso de xornada que se realiza por sistema en todo o comercio de alimentación, pois a pesar de que o convenio recolle unha xornada semanal máxima de 40 horas "estanse facendo até 50 horas á semana".
As empresas xustifican esta prolongación do horario laboral por necesidades do servizo "pero se hai traballo o que teñen que facer as empresas é contratar máis persoal, non que as traballadoras e os traballadores se queden por norma 15 ou 30 máis de balde todos os días despois de rematar a súa xornada", asevera Fernández.