CIG-Servizos inicia mobilizacións contra os descolgues salariais no sector dos deportes
A CIG-Servizos concentrouse este mércores diante da sede do Grupo Serviocio/BeOne en Carballo para denunciar os descolgues de convenio anunciados polas empresas do sector de deportes, que se negan a aplicar a suba salarial conforme ao IPC real de 2021, tal e como se recolle no convenio colectivo do sector.
A CIG-Servizos, que xa presentou conflito colectivo por este motivo e polo cobro dos correspondentes atrasos, lembra que as persoas traballadoras do sector de deportes levan sufrindo unha situación de ERTE Covid até hai ben pouco, mentres as empresas recibían axudas estatais pola situación de crise (máis de 24 millóns Serviocio e 15 millóns Sidecu). Cómpre lembrar que estas empresas xestionan instalacións de titularidade pública (tanto da Xunta de Galiza como dos concellos), algunhas delas subvencionadas polas propias administracións.
Para proceder a actualización das táboas salariais segundo o IPC de 2021 (que rematou no 6,5%) tal e como se estabelece claramente no artigo 45 do convenio, a central sindical iniciou un proceso de reunións coa patronal AEXIDEGA. Neste proceso pasouse por unha xuntanza da Comisión Paritaria e varias xuntanzas en mediación AGA, "ás que a patronal acudiu facendo unha lectura retorcida do texto do artigo, con actitude pouco negociadora, e mesmo arrogante e ameazadora".
Incluso, explica a CIG-Servizos, a patronal pretendía reescribir o artigo 45 ao seu gusto para liquidar os dereitos conquistados polos traballadores e as traballadoras nos últimos anos de negociación do convenio e lanzando, ademais, ameazas de descolgue no caso de que a parte social non accedera ás súas pretensións.
Agora, "esta patronal quere cargar a suposta baixada nos seus ingresos nas nóminas das persoas traballadoras, comunicando inaplicacións do convenio no seu artigo 45", denuncia a CIG-Servizos. Mentres isto acontece, os concellos e a Xunta "fican en silencio sen importarlles as consecuencias que poidan ter esas medidas sobre as traballadoras e traballadores dos sector".
Neste senso, apuntan que as empresas que están a comunicar os descolgues son Serviocio, FCC Aqualia, Aqua Vigo, Meu Fit Sport e MQA Navia.
Diante deste ataque, a CIG-Servizos iniciou este mércores en Carballo un calendario de mobilizacións para evitar que o persoal se siga empobrecemento, nun momento de medre imparábel da carestía da vida. O obxectivo destas protestas, que terán continuidade nas vindeiras semanas, é exixir que se cumpra co estabelecido no convenio colectivo e se proceda á suba inmediata dos salarios, segundo o IPC.