CIG-Servizos denuncia un ERE encuberto nos servizos de limpeza dos aeroportos de Lavacolla e Alvedro
A CIG-Servizos vén de denunciar a decisión de AENA de aplicar un ERTE nos servizos de limpeza dos aeroportos Rosalía de Castro e Alvedro que pon en perigo 30 postos de traballo. Unha redución drástica de persoal adoptada de forma “unilateral” cando se trata de traballadoras e traballadores “imprescindibles para salvagardar a saúde do conxunto do persoal destes aeroportos e dos seus futuros usuarios e usuarias”.
No caso do aeroporto Rosalía de Castro denuncia que esta drástica redución provocará que non se podan aplicar todos os protocolos decretados a consecuencia da emerxencia sanitaria provocada pola covid-19. Acusa a AENA de pretender “que o persoal chegue a un acordo de ERTE, onde buscan realmente un ERE encuberto”. Asegura que “queren facer negocio a conta dos traballadores e traballadoras, impoñendo un baremo de desafección, que é unha estafa pura e dura. Pídenlles ás traballadoras e traballadores que regresen ao traballo co 100% da xornada con máis de 180.000 pasaxeiros/as, cando xa estaban a traballar o 100 % da súa xornada pero con 130.000 pasaxeiros”.
Con esta decisión de AENA o servizo diminuirá pasando de 32 a 3 traballadoras “nun momento crítico como este, cando o que deberían facer é xusto o contrario reforzar a limpeza”. Ademais CIG-Servizos afirma que “se pretende abrir o Aeroporto de Santiago sen ningunha medida de prevención fronte coronavirus, xa que nestes momentos non se están a adoptar as medidas oportunas”.
Incerteza en Alvedro
A CIG-Servizos denuncia ademais a situación de incerteza na que están as traballadoras e traballadores deste servizo no aeroporto de Alvedro, onde “AENA nin sequera marcou uns ratios de desafección do ERTE, deixándoo a mesma a criterios subxectivos”.
O máis grave, para a CIG-Servizos é que o ERTE tería unha duración de 9 meses e se estendería até o 15 de xaneiro. Por iso a CIG manifesta a súa grande preocupación por esta situación e demanda a AENA que sente a negociar, con datos reais. “Non pode pretender facer negocio a conta doas e dos traballadores inflando os números, porque o que está realmente a facer é encubrir unha redución do cadro de persoal encuberta nos 2 aeroportos”.
A CIG-Servizos demanda, en todo caso, que se poñan sobre a mesa os protocolos para combater esta pandemia, que se desprivaticen os aeroportos e que se elimine a AENA da súa xestión para que “os grandes beneficios que xeran repercutan no conxunto da cidadanía e se garanta a prestación dun servizo seguro e de calidade, unha vez se retome a normalidade”.