CIG-Servizos denuncia que se aproveitou a pandemia para recortar as condicións do persoal de Termaria
A CIG-Servizos da Coruña rexeita a xestión que se fixo e se está a facer na instalación deportiva promovida por EMALCSA e xestionada en concesión baixo a denominación "Termaria, Espacios Termolúdicos", na que se aproveitou a crise sanitaria para aplicar de maneira unilateral medidas que teñen un gran impacto sobre as condicións dos traballadores e das traballadoras.
A Federación de Servizos da CIG denuncia que nesta instalación "se desenvolve o traballo de maneira habitual fóra do ámbito do convenio de aplicación, sen respectarse nin as remuneracións, nin os descansos e sen que haxa uns mínimos criterios dende o punto de vista da prevención para coidar a saúde do persoal".
Como exemplo, explican que, no momento de decretarse o estado de alarma e sen acordalo co persoal traballador, no mes de marzo se impuxeron 16 días de vacacións, se descontaron sen previa solicitude pola parte traballadora dous días de libre disposición (asuntos propios), creáronse inxustas bolsas de horas a crédito de futuras reunións de traballo ou formacións do persoal, e se impuxeron datas para un só período de vacacións (os restantes 15 días).
Ademais, durante os momentos de peche da instalación, o persoal que desenvolvía as súas funcións dentro do centro de traballo, estivo asumindo tarefas distintas as habituais.
"Para o persoal traballador resulta moi difícil e traumático conciliar as vidas familiares co traballo pois organizativamente non se teñen en conta esas circunstancias, obrigando así a moitas persoas a deixar os seus postos pola imposibilidade de conciliar e pola carga á que son sometidos e sometidas, non existindo uns mínimos criterios de descanso e de distribución da carga horaria de actividades", advirten.
A CIG-Servizos rexeita de maneira frontal este tipo de xestións que, amparadas na venta de saúde, teñen paradoxalmente co persoal traballador un resultado contrario ao que se vende".