CIG-Servizos denuncia o bloqueo na negociación de varios convenios provinciais do comercio de Lugo
A CIG-Servizos de Lugo- A Mariña denuncia publicamente a situación de bloqueo na que tanto a patronal como os sindicatos estatais teñen sumida a varios convenios provinciais do comercio: o de Comercio de Pel e Calzado, vencido a 31 de decembro do 2010, o de Móbeis e Obxectos Decorativos, vencido dende o 31 de decembro de 2011, e o de Comercio Téxtil, vencido dende o 31 de decembro de 2015.
Esta anómala situación non só provoca inseguridade xurídica e perda de dereitos, senón que na práctica supón unha conxelación salarial que implica unha brutal perda de poder adquisitivo nestes anos, "e que aboca os centos de traballadores e traballadoras destes sectores na provincia a implorar subas do SMI como única forma de ver revisados os seus salarios".
Convenios caducados dende hai dez anos
A CIG, aínda que a día de hoxe non ten a maioría de representatividade sindical nestes sectores, xa advertiu a patronal en varias ocasións desta situación cominándoa a constituír as mesas negociadoras. "Facemos extensíbel de forma pública esta solicitude ao resto de centrais sindicais que, en casos ostentando maiorías amplas, fan un total deixamento de funcións e teñen sumido a estes sectores no maior dos esquecementos".
Nese senso, o secretario comarcal de CIG-Servizos, Xoán Díaz, afirma que" non se pode consentir que un convenio estea paralizado 10 anos. É un escándalo tanto por parte da patronal como dos sindicatos maioritarios neses sectores, que non poden ter abandonada á súa sorte a centos de traballadoras e traballadores".
A CIG xa adianta que non vai consentir por máis tempo esta situación de irresponsabilidade total e estudaranse as medidas, tanto legais como sindicais, que sexan máis acaídas para desbloquear as negociacións.