CIG-Servizos denuncia a precariedade e o caos vivido nas residencias privadas da terceira idade

Nacional - 29 Abr 2025

A CIG-Servizos denuncia a precariedade, a improvisación e o caos vividos no día de onte nas residencias privadas de maiores, con casos de persoas usuarias que quedaron sen respiradores, que non puideron saír dos seus cuartos ou que non puideron regresar a habitación e tiveron que durmir en colchonetas no chan, así como os problemas para alimentar as persoas que teñen dificultades para tragar.

A CIG leva anos denunciando a precariedade que existe nas residencias privadas e privatizadas pola falta de persoal e medios materiais, mais a Xunta de Galiza fai ouvidos xordos. Estas eivas fixéronse evidentes en toda a súa dimensión no día de onte.

Nas últimas horas, numerosas traballadoras do sector teñen trasladado a súa indignación e malestar polas palabras do presidente Rueda asegurando que practicamente non se rexistrara ningunha incidencia nas residencias da terceira idade e nos centros de día.

Ao contrario, as delegadas CIG queren denunciar o caos vivido no día de onte e que as deficiencias que se rexistran acotío magnificáronse neste escenario inusual. Foi grazas ao esforzo e á entrega das traballadoras que se garantiron os mellores coidados posíbeis, dadas as circunstancias.

Entre os problemas máis graves, destacan a falta do persoal de enfermería na quenda de noite, xa que o pasado mes de decembro a Xunta mudou a orde de ratios polo que xa non é obrigatoria a presenza física destas/es profesionais. Isto supón que había menos persoal para atender as necesidades asistenciais e sobre todo que non se contaba con persoal formado para programar os respiradores ou controlar a alimentación por sonda.

Así as cousas, e entendendo o excepcional da situación, as traballadoras lembran que están en loita por un convenio digno e por unha mellora das condicións laborais e salariais que recoñeza a función social que desenvolven. Mais tamén para reclamarlle á Xunta de Galiza que abandone a súa política de privatización e mercantilización dos coidados e aposte por un novo modelo no que prime o benestar das persoas usuarias e unha atención de calidade.

Neste contexto, as traballadoras xa desenvolveron dúas xornadas de folga que terán continuarán os días 7 e 21 de maio. A CIG insta a Consellaría de Política Social a asumir as súas responsabilidades e mediar no conflito para desbloquear a negociación colectiva, mellorar as condicións laborais e garantir uns coidados de calidade.