CIG-Saúde reclama cambios nas políticas sanitarias e nas estruturas directivas de Sanidade e SERGAS
A CIG-Saúde vén de remitir un escrito ao novo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para solicitar a urxente convocatoria dunha xuntanza coas organizacións sindicais que forman parte da mesa sectorial para analizar a situación que vén arrastrando a sanidade pública galega e camiñar cara novas políticas que permitan solucionar todas as deficiencias materiais e humanas que ten.
A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, entende que “ten que haber unha ruptura coas políticas sanitarias aplicadas até agora, se é verdade que Feixoo e o PP teñen de verdade o obxectivo de impulsar unha sanidade pública de calidade e recuperar a prestación sanitaria que había antes de todos os recortes”.
Por iso, na carta remitida ao conselleiro urxe cambios tamén nas persoas que até o de agora ocuparon cargos directivos na Consellaría de Sanidade e no SERGAS porque “foron as responsables de executar as medidas que provocaron a crítica situación na que se atopa o sistema sanitario galego, cunha Primaria desmantelada e colapsada, enormes recortes de persoal e un conflito aberto desde hai anos; un sistema hospitalario falto de persoal e de medios e unha política de recursos humanos baseada na precariedade”.
Por iso na xuntanza solicitada, a CIG-SAÚDE propón que se aborden, entre outras cuestión: o modelo sanitario da Consellaría de Sanidade e os necesarios cambios na estrutura das xerencias de área, ademais da creación da xerencia de atención primaria.
Entende que é imprescindible que se deseñe un plan de atención primaria; a creación da subdirección xeral de enfermaría dentro do organigrama de Asistencia Sanitaria e que se muden radicalmente as políticas de persoal e Recursos Humanos, apostando pola estabilidade e poñendo fin á precariedade. Isto xunto a recuperación de dereitos do persoal do SERGAS.
Plan de continxencia COVID
A CIG-Saúde vén demandando desde hai varios meses un Plan de Continxencia para afrontar nas mellores condicións e contando co persoal necesario a situación de emerxencia sanitaria na que nos atopamos por mor da covid. Porén, desde o SERGAS non se ten planificado nada. Por iso inclúe tamén este punto como cuestión crucial a abordar nesa xuntanza.