CIG-Saúde O Barco denuncia a “situación insostíbel” do servizo de hematoloxía do Hospital Comarcal de Valdeorras
CIG-Saúde O Barco denuncia a “situación insostíbel” na que se atopa o servizo de hematoloxía do Hospital Comarcal de Valdeorras (HCV), xa que a única profesional con presenza física vai estar ausente temporalmente, “polo que as persoas doentes están a ser atendidas telefonicamente”.
Dende a central sindical lembran que o pasado mes de xaneiro o hospital quedou cuberto só por unha hematóloga de presenza física, das dúas prazas existentes, obrigando a esta profesional a asumir o traballo de todo o servizo “co único apoio de que parte das gardas se cubrían mediante atención telefónica dende o CHUO”.
Isto último, lonxe de arranxar a situación, contribuíu a sobrecargar o servizo, deixando tarefas pendentes por non poder solucionalas por teléfono, “e ocasionando ás veces traslados de pacientes a Ourense que de estar de presenza física non serían necesarios”. Neste senso, lamentan que a Xerencia non fose quen de buscar solucións en todo este tempo.
Ademais, agora a única hematóloga con presenza no HPV vai estar ausente de xeito temporal, polo que as persoas doentes “a día de hoxe están sendo atendidas vía telefónica, como se dunha cita telefónica de Atención Primaria se tratase”.
Para CIG-Saúde O Barco trátase dunha situación “insostíbel” que compromete a seguridade dos pacientes, “e así llo trasladamos á Xerencia, á que lle esiximos que tome medidas urxentes para solucionar a situación do servizo de hematoloxía do HCV para garantir unha atención de calidade en igualdade de condicións co resto de pacientes da área sanitaria”.
Finalmente, demandan unha atención sanitaria de calidade no conxunto do distrito, “e non tratar os doentes desta zona como se fosen cidadáns de segunda”.