CIG-Saúde non avala a consulta feita por UGT e CSIF e demanda seguir negociando o convenio da sanidade privada de Lugo
CIG-Saúde demanda que se convoque a mesa de negociación e seguir negociando o convenio da sanidade privada da provincia de Lugo de cara á lograr melloras reais nas condicións laborais e salariais do persoal do sector. A central nacionalista non avala a consulta feita por UGT e CSIF para asinar a proposta da patronal, porque o número de persoas que votaron non resulta significativo e porque hai marxe para seguir negociando un convenio digno.
O responsábel de Negociación Colectiva da CIG-Saúde, Miguel Tizón, explica que xa coa primeira proposta de sinatura da patronal, UGT e CSIF manifestaron que lles valía para asinar sen intentar sequera avanzar nunha mellora das condicións. A CIG rexeitou a oferta da patronal, reclamando que se negociaran as demandas que, en principio, levaba conxuntamente a parte social.
"Aínda que a nós non nos valía, tanto UGT como CSIF decidiron facer unha consulta entre o persoal para referendar a proposta patronal. Neste contexto, dende a CIG remitímoslle a patronal os puntos que queríamos que se modificaran e o empresariado remitiu unha segunda proposta, na que engadiu algunha das nosas demandas", sinala Tizón.
En troques de aproveitar para seguir negociando e conseguir que se incorporaran no convenio o groso das demandas sociais -máis cando dende a propia patronal se instou a seguir coas reunións-, ambas centrais sindicais continuaron co súa consulta sobre ese primeiro documento que logo foi modificado. "O resultado da consulta foi que gañou o si, pero a CIG non pode dar validez a unha consulta da que descoñece as garantías coa que se fixo e que non pode lexitimar por non formar parte dela", asevera.
Apunta Tizón que o número de persoas que votaron (unhas 150) non resulta significativo fronte ás máis de 600 traballadoras e traballadores que ten o sector na provincia e tampouco se pode dar validez a unha consulta cuxa formulación era "ou acordo ou mobilización", cando aínda non se tiña abordado co persoal esta vía por estar no inicio das negociacións e a propia UGT rexeitala dende o principio.
Ademais, subliña que UGT só fixo a consulta nun dos hospitais e na súa sede e argumenta que deixou fóra a POLUSA (o hospital privado máis grande da provincia) porque ten acordos salariais propios. "Con esta xustificación están discriminando as traballadoras e traballadores deste centro, porque aínda que teñan acordos económicos propios, que poden ser mellorados por convenio, no resto das súas condicións laborais e sociais tamén está reguladas polo convenio provincial".
Por todo iso, a CIG-Saúde seguirá a reclamar que se convoque á mesa na que están representados os catro sindicatos -CIG, CCOO, CSIF e UGT-, e que se continúe na negociación para conseguir o mellor convenio para o sector.