CIG-Saúde gaña as eleccións no sanatorio Quirón 'Nosa Señora dos Ollos Grandes' de Lugo
A CIG-Saúde gañou as eleccións celebradas o pasado 7 de febreiro no Hospital Quirón de Lugo, 'Nosa Señora dos Ollos Grandes', ao acadar un total de 4 delegadas das 9 que estaban en xogo, logrando deste xeito un resultado histórico na comarca.
A votación, á que estaban chamadas 148 traballadoras e traballadores do centro, contou cunha ampla participación que superou o 84%. A CIG obtivo moi bos resultados nos dous colexios, xa que conseguiu 2 actas de delegada en ambos, cun 32’14% dos votos no colexio de persoal técnico e administrativo e acadando o 51’23% no de especialistas e non cualificados.
Mentres, a UGT (que até agora ostentaba a totalidade da representación no comité) sacou 3 delegadas/os e CSIF obtivo 2 representantes.
Os resultados deste proceso electoral, que se celebrou no contexto da negociación dun novo convenio colectivo provincial para o sector da sanidade privada, reforzan a posición da CIG para pelexar por un acordo que garanta uns salarios dignos e unha mellora dos dereitos laborais do persoal, para deste xeito saír da precariedade na que as traballadoras levan anos sumidas.
A CIG vese reforzada no conxunto da sanidade privada galega cos últimos resultados sindicais obtidos en todas as comarcas. A dia de hoxe pódese considerar a CIG como o sindicato con maior representación no sector, "situación que nas dá a forza suficiente para incrementar a presión sobre as empresas que están a facer negocio coa sanidade e que deste xeito melloren as miserentas condicións laborais do persoal".