CIG-Saúde exixe que se garanta a calidade e seguridade das probas diagnósticas derivadas a centros privados

A central solicitoulle á Consellaría unha investigación ante posíbeis irregularidades na realización de ecografías e na emisión de informes radiolóxicos
Nacional - 03 Nov 2026

A CIG-Saúde alerta das consecuencias da privatización da asistencia sanitaria e cuestiona o control que exerce a Consellería de Sanidade sobre os servizos que deriva a centros privados. O sindicato solicitou unha investigación ante posíbeis irregularidades na realización de ecografías e na emisión de informes radiolóxicos de probas derivadas polo SERGAS.

Segundo a información recibida, estaríanse realizando ecografías integramente por persoal técnico, sen intervención facultativa durante a exploración, e emitindo informes radiolóxicos por profesionais que poderían non contar coa especialidade ou habilitación correspondente.

“O conselleiro de Sanidade ten que explicar que controis se están facendo sobre estas probas. Non pode derivar pacientes á sanidade privada, pagar con cartos públicos e desentenderse de como se presta esa asistencia”, sinala a secretaria nacional da CIG-Saúde, Ana Lestón.

A Consellaría non pode derivar pacientes á sanidade privada, pagar con cartos públicos e desentenderse de como se presta esa asistencia"

Para a central sindical, estas situacións poñen de manifesto os riscos de trasladar actividade sanitaria a empresas privadas sen garantir unha supervisión efectiva. “A responsabilidade non é das traballadoras e traballadores destes centros, senón da Administración que contrata os servizos e das empresas que os prestan”, apunta Lestón.

A secretaria da CIG-Saúde critica un modelo empresarial que busca obter beneficios económicos a costa de precarizar as condicións laborais do persoal e que pode comprometer a calidade da asistencia. “As profesionais non poden ser quen paguen as consecuencias dun sistema organizado para favorecer o negocio sanitario”, incide.

Repetición das probas na sanidade pública

A CIG-Saúde advirte tamén de que, en moitas ocasións, as probas realizadas nos centros privados teñen que repetirse na sanidade pública porque non reúnen as condicións necesarias para a súa valoración diagnóstica. Isto supón duplicar probas, aumentar os custos para o sistema público e provocar demoras innecesarias na atención ás persoas doentes. Unha mostra máis das consecuencias dun modelo de privatización que o sindicato cuestiona.

“Estas probas deberían realizarse na sanidade pública, dotándoa dos recursos humanos e materiais necesarios. Privatizar non garante unha asistencia máis barata nin máis segura”, afirma Lestón. Para CIG-Saúde, a Consellería debería dedicar os seus esforzos a reforzar os centros públicos, en lugar de favorecer os intereses das grandes empresas sanitarias, cuxo obxectivo é obter beneficios económicos da prestación asistencial.

Por iso, esíxelle ao conselleiro que investigue os feitos denunciados, aclare os mecanismos de inspección e control existentes e adopte as medidas necesarias se se confirman incumprimentos. “A sanidade non pode ser un negocio a costa dos cartos públicos, das condicións laborais das traballadoras e da seguridade das persoas doentes. O que precisamos é unha sanidade pública forte, con medios propios e todas as garantías asistenciais”, conclúe.