A CIG-Saúde Compostela-As Rías denuncia que a nova licitación do servizo de dietética dos hospitais Clínico Universitario de Santiago e Médico-Cirúrxico de Conxo (expediente AB-ASS1-26-040) supón un novo avance no proceso de externalización de servizos sanitarios que deberían formar parte da estrutura propia do Servizo Galego de Saúde.
A organización sindical considera que o SERGAS está a consolidar un modelo no que tarefas esenciais para a planificación e control da alimentación das persoas usuarias quedan en mans de empresas privadas, en lugar de apostar pola creación e consolidación de prazas públicas de persoal técnico de dietética.
Segundo recolle o prego de prescricións técnicas, a empresa adxudicataria asumirá funcións directamente vinculadas ao funcionamento diario da unidade de dietética hospitalaria, entre elas:
- a revisión das solicitudes de dietas realizadas polas unidades de enfermaría;
- a supervisión dos empratados e dos gramaxes establecidos;
- o rexistro e seguimento de incidencias;
- a xestión informática das modificacións dietéticas;
- a elaboración das listaxes destinadas ás unidades asistenciais.
Para a CIG-Saúde, estas tarefas evidencian que non se trata dun servizo meramente accesorio, senón dunha actividade integrada na atención hospitalaria diaria e cunha incidencia directa na asistencia ás persoas ingresadas.
A externalización fronte á creación de emprego público
A licitación contempla unha carga anual de 10.585 horas de prestación do servizo. A CIG denuncia que, ao recorrer a persoal contratado baixo o convenio colectivo de Hostalaría da Coruña (sector cátering), cunha xornada anual de 1.792 horas, o SERGAS opta por un modelo que permite cubrir estas necesidades con menos efectivos e con condicións laborais diferentes ás do persoal propio do sistema sanitario público.
“Se este servizo fose asumido directamente polo SERGAS mediante persoal estatutario, coa xornada anual correspondente ao ámbito sanitario público, o volume de traballo previsto podería traducirse nun maior número de postos estábeis, con mellores condicións laborais e maior integración na organización asistencial”, subliñan.
Por iso, a CIG-Saúde considera que a externalización supón “unha oportunidade perdida” para reforzar o cadro de persoal público e advirte de que este modelo favorece a substitución progresiva de emprego estábel por contratacións vinculadas a empresas concesionarias.
Controis microbiolóxicos e presenza de empresas privadas nos hospitais
A licitación tamén inclúe entre as obrigas da empresa adxudicataria a realización de controis microbiolóxicos periódicos sobre alimentos, menaxe, superficies e mans do persoal das cociñas, conforme ás esixencias estabelecidas pola normativa europea aplicábel á seguridade alimentaria.
A CIG-Saúde sinala que estes controis forman parte das obrigas habituais na restauración colectiva, pero considera preocupante que actividades vinculadas ao funcionamento diario dos centros hospitalarios públicos continúen sendo asumidas por empresas externas, incrementando a presenza da xestión privada dentro das instalacións sanitarias.
Retirada da licitación e a recuperación da xestión pública
A central sindical esixe ao Sergas a retirada dos pregos e a apertura dun proceso destinado á internalización do servizo de dietética, coa creación das prazas públicas necesarias para garantir unha atención alimentaria hospitalaria integrada, estábel e de calidade, máis aínda cando o SERGAS ten creada a categoría de Persoal Técnico Superior en Dietética desde outubro de 2020 e actualmente hai 469 persoas inscritas na listaxe de contratación.
A CIG-Saúde reitera que continuará denunciando calquera avance cara a un modelo baseado na substitución de emprego público por contratacións externas e reclama que o SERGAS aposte polo reforzo dos seus propios recursos humanos para garantir unha sanidade pública máis forte.